Adela Figueroa: "O minifundio é ecolóxico, é sustentábel e pode dar alimento a moita poboación"

As mulheres da Casa da Bouça da roupa estendida (Laiovento, 2021) é unha novela da escritora e activista Adela Figueroa Panisse. Unha historia sobre a resistencia ao franquismo na Galiza, sobre a revalorización do rural, do minifundio... Unha historia sobre a vida e as mulleres que a fan posíbel.

A escritora e activista Adela Figueroa Panisse. (Foto: Arquivo Nós Diario).
photo_camera A escritora e activista Adela Figueroa Panisse. (Foto: Arquivo Nós Diario).

Vén de presentar As mulheres da Casa da Bouça, que conta nesta obra?

Nesta obra narro a historia das mulleres que estaban integradas na guerrilla antifranquista galaico-leonesa. Unhas mulleres que, con toda a súa familia, facían parte da resistencia

A novela é unha fábula, un conto, sobre ese feito real. O feito real de que nunha casa do Incio había un dos puntos de apoio para facer accións, loitas, contra o franquismo. Alí houbo un momento no que, nunha acción que destaparon antes de levala a cabo, se produciron tiroteos e enfrontamentos… 

Deste modo, trato de fabular sobre estes feitos que aconteceron realmente, mais que a memoria colectiva do pobo foi transformando e dándolles carácter popular para que queden como parte da nosa tradición. 

Adela Figueroa

O núcleo da obra, da historia, é a vivencia desas mulleres... 

O que lles admiraba aos habitantes da zona era que había mulleres moi valerosas porque chegaban incluso a empuñar as armas. É dicir, esas mulleres non tiñan só o papel de ser enlace e pousada para os guerrilleiros. 

O da Casa da Bouça é un nome inventado. Non quixen pór a denominación propia da casa porque a xente inda está toda viva... Mais o que si é certo é que na comarca do Incio había tamén guerrillas.

Galiza non foi esa zona submisa e vencida que nos queren dar a entender. Con esta novela quero levantar a nosa historia. Galiza non foi para nada submisa. Lembremos que o primeiro núcleo de guerrillas que se creou é este que acabo de citar, o galaico-leonés, e o último que se cerra en todo o Estado español tamén é galego.

A través desta novela tento salientar este feito. Tamén reivindicar o papel das mulleres, que está moi esquecido. E, así mesmo, pór de manifesto o contrasentido dun país que vota en maioría pola Frente Popular, mais que acaba por ser esquecido até figurar na historia como un lugar no que non se desenvolveron batallas. 

A través desta narrativa  quero salientar a cultura como o valor supremo para poder defenderse no mundo

A revalorización do rural tamén está presente, non si? 

Eu adoro a natureza e a paisaxe é unha parte importante da novela. Tamén o respecto, a admiración e a louvanza do que é a cultura tradicional galega, coas súas características positivas de cooperación, de traballos en equipo, en grupo… A través desta narrativa tamén quero salientar a cultura como o valor supremo para poder defenderse no mundo.

A roupa estendida que aparece no título ten un significado real: este era o sinal que se daba para avisar de que se ía desenvolver unha acción. Alí, nos corredores, secábase o millo e outras cousas… mais cando se deixaba a roupa estendida era unha forma de aviso.

Tamén trato a dignificación e a revalorización do minifundio, que tanto se desvalorizou... O minifundio é ecolóxico, é sustentábel e pode dar alimento a unha poboación importante.

cando as persoas son criadas nun medio afectivo teñen moitas máis posibilidades de ter unha vida máis satisfactoria

A historia é dura mais ten un ton doce para poder avanzar.

É unha novela que ten un pouco de todo, partes duras, amábeis… tal e como é a vida. Mais doulle moita importancia ao papel da familia como núcleo transmisor de valores culturais e de afecto, sobre todo de afecto.

Penso que cando as persoas son criadas nun medio afectivo teñen moitas máis posibilidades de ter unha vida máis satisfactoria e de sobrevivir diante das adversidades. O que resalto da vida nas aldeas favorecía moito ese núcleo afectivo, que fai colchón. 

Como activista, que valoración fai do cumio de Glasgow?

Estamos vendo como estragamos o que é de todos. Cando estragas os meus ríos, o meu aire, a miña terra… estás a roubarme. Porque é meu mais é de todos. E isto é pirataría. O cumio de Glasgow falla porque está sendo levado por piratas. Os piratas collen o que atopan xa feito por outras persoas e róubano. 

Este capitalismo desorbitado no que estamos metidas agora é un capitalismo comandado por piratas. E isto temos que telo en conta todos para reclamar a nosa parte, para reclamar que non nos estraguen a nosa auga, o noso aire, a nosa terra… e que poidamos ser autosuficientes en produción alimenticia e enerxética.

Comentarios