O agro galego, pendente de mudanzas na PAC máis que da redución do orzamento

O fracaso na aprobación das contas europeas deixou en interrogante o futuro dos fondos comunitarios para o rural. Na Galiza, organizacións como o Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Federación Rural Galega (Fruga), propoñen mudar o seu deseño para achegarse á situación real do noso agro.
Tractor traballando (Nós Diario)
photo_camera Tractor traballando (Nós Diario)

O agro galego olla con preocupación cara a Europa. O recente fracaso nas negociacións para pechar un orzamento na Unión Europea para os vindeiros sete anos engade máis dramatismo a unha situación que pode decidir o futuro dunha boa parte das explotacións agrarias do noso país. A consumación do Brexit abre a porta das vellas pantasmas que dividen Europa e as súas profundas diferenzas entre os países ricos, partidarios de recortar os fondos agrícolas, e os países que apostan por mantelos, entre os que se atopa o Estado español. Entre os primeiros figuran os Países Baixos, Austria, Dinamarca ou Suecia. Nos segundos estarían, ademais do Estado español, Portugal, Italia e o bloque do leste.

A discusión principal agora mesmo é o recorte do Marco Financeiro Plurianual (MFP), que decorrerá de 2021 a 2027, na Política Agraria Común (PAC) e na política de Cohesión. A negociación do anterior MFP para 2014-2020 tardou 18 meses en pecharse e esta leva o mesmo camiño se non se achegan as posturas. O debate, desde fóra semella ser cuestión de números mais desde Galiza levan outras contas. As propostas presentadas en Bruxelas falan da caída no orzamento das axudas na PAC de 10% en axudas directas e 25% en fondos para desenvolvemento rural. As organizacións agrarias do noso país cren negativa esta proposta mais con matices sobre como se ten que levar este proceso.

UUAA en positivo

"A proposta é unha proposta mala", recoñece a Nós Diario Javier Iglesias de UUAA. Para esta formación a redución orzamentaria é negativa e non deixa moita marxe para traballar nas medidas que propón como son as medioambientais ou as de benestar animal. "Nós de momento non somos negativos aínda que é certo que temos que loitar por unha mellora significativa das achegas", explica. 

A importancia de mudar a PAC para Fruga e SLG

Na Federación Rural Galega (Fruga) cuestionan a propia PAC. O seu coordinador, Manuel Dacal, asegura a Nós Diario que "a xente di que prefire ter un prezo digno a ter axudas". Para esta organización é fundamental mudar a propia estrutura da PAC tal e como está construída, "mesmo habería que cuestionar a súa necesidade e utilidade", asegura. 

Xosé Ramón Cendán, membro da Executiva da Coordinadora Labrega Europea (CPE) e do grupo de apoio á Executiva do Sindicato Labrego Galego (SLG) coincide no diagnóstico e propoñen mudar as súas normas. "Nós defendemos un plan europeo posto que a nosa agricultura seméllase máis á de centro Europa que á do sur do Estado español", asegura a Nós Diario. Critican que se procure "unha España unida tamén na PAC" cando "hai grandes diferenzas nos territorios". Cendán cre que “a persoa teña un papel fundamental e non o tamaño da terra", en relación ás axudas actuais que benefician a grandes superficies agrarias. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios