A Fruga oponse a unha suba dos seguros da Enesa para a retirada e destrución de animais

A entidade agraria manifesta a súa "total oposición" á proposta de incrementar dos prezos deste seguro, entendendo que a recollida debe ser formulada "como un servizo".
Gando vacún de carne nunha explotación galega. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Gando vacún de carne nunha explotación galega. (Foto: Nós Diario)

A Federación Rural Galega (Fruga) denuncia esta segunda feira os "plans" da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa), organismo autónomo dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, anunciados en datas pasadas, en relación cun "aumento xeneralizado dos prezos de numerosas liñas de seguros gandeiros".

Desde Enesa e Agroseguro, apunta a Fruga, refírense á liña 415 dedicada á retirada e destrución de animais, que segundo as súas estimacións presenta desequilibrios, e como consecuencia Agroseguro realizará "unha suba das tarifas dun máximo de 15%", precisan. Unha tarifa que podería verse incrementada a maiores polo aumento dos prezos de recollida das distintas empresas xestoras deste servizo.

A entidade agraria manifesta a súa "total oposición" á proposta de incrementar dos prezos deste seguro, entendendo que a recollida debe ser formulada "como un servizo", e non como un seguro, polo que calquera suba dos custos "afástase do seu obxectivo", din.

"Nos últimos anos xa vimos observando sucesivos incrementos deste liña de seguros, o cal significa un incremento notábel de custos para as explotacións gandeiras galegas. Tendo en conta que a recollida é obrigatoria, non é de recibo que por parte das administracións se intente que os gandeiros e gandeiras galegas teñan que asumir cada dia un maior custo desta liña de recollida", lamentan.

A Fruga aposta por un servizo público, xestionado polas propias administracións, "sen que as gandarías teñan que custear a recollida de cadáveres obrigatoria". "Nos últimos tempos, estamos a observar como unha excesiva burocracia está a dificultar a actividade agro-gandeira, ocasionando un importante problema para os titulares das explotacións", censuran.

E se a isto se lle engade un incremento dos custos de certos servizos obrigatorios, advirten, "atopámonos con enormes dificultades para dinamizar a actividade gandeira na Galiza". Desde a Fruga avanzan que loitarán para evitar "incrementos innecesarios", traballando na liña de "conseguir un servizo que non repercuta nas gandarías galegas".

Comentarios