A facturación do sector servizos derrúbase un 10% na Galiza

A caída é dous puntos superior á media do Estado español. No que vai de ano destruíronse máis do 2% dos postos de traballo neste sector

A facturación do sector servizos caeu nun 10,1 por cento na Galiza no pasado mes de abril en comparación con ese mesmo período do ano pasado, un descenso que sinala até que punto a crise está a bater nun dos sectores cruciais a nivel de emprego no país. Este descenso do 10,1 por cento supón dous puntos máis que a media do Estado español (onde a caída foi do 8,3%).

De feito, Galiza foi o quinto territorio do Estado onde este descenso foi máis acusado, só superada por Canarias, Nafarroa, Baleares e Cantabria. Desde xaneiro, e no que se refire ao conxunto do Estado, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), o emprego no sector servizos reduciuse en dous puntos. Na Galiza, nese msmo periodo, a caída no empreo foi do 2,2%. E no anual, ese descenso é xa máis acusado, pois supuxo unha perda do 3,3%.

Mellor e peor comportamento

As actividades con maior repercusión negativa na análise da cifra de negocio do sector servizos foron a venda de vehículos, motocicletas e repostos; o comercio ao por maior de alimentos, bebidas e tabaco; as axencias de viaxes e operadores turísticos, ou ben o comercio ao por maior de combustíbeis, metais e outros.

Porén, entre aquelas actividades con maior repercusión positiva están o comercio ao por maior non especialziado; o comercio ao por maior de materias primas agrarias e animais vivos; ou ben a programación, consultoría e outras actividades relacionadas coa informática.

Comentarios