LABORAL

280 novas persoas desempregadas cada día

A EPA do primeiro trimestre indica que hai 265.600 desempregados na Galiza, 25.200 máis que a finais de 2011. A taxa de paro supera o 20%

Reforma laboral, máis desemprego
photo_camera Reforma laboral, máis desemprego

A taxa de paro supera na Galiza o 20% da poboación activa e acada cotas históricas, con preto de 266.000 persoas sen traballo no primeiro trimestre. Son 25.200 desempregados máis que no anterior trimestre. E case 40.000 máis que hai un ano. O número de parados na Galiza vai en constante aumento e en paralelo á aplicación de reformas laborais e recortes sociais. Alén diso, as medidas de precarización do traballo non destruído completan un escenario laboral na Galiza do máis preocupante.

Os datos amosan que nestes tres meses a destrución de emprego na Galiza producíuse a un ritmo de vertixe. A media entre xaneiro e marzo foi de 280 novos parados cada día no noso país, unha cifra inimaxinábel hai uns anos mais que de contado pode ser superada nos vindeiros trimestres.

 A EPA do primeiro trimestre sitúa á provincia de Pontevedra como a mais afectada polo desemprego, con máis dun 25 por cento de parados, seguida de Ourense, cun 20%, A Coruña, cun 17,5% e Lugo cun 15,6 por cento.

A CIG xa fixo unha análise dos datos da EPA deste primeiro trimestre. A central nacionalista pregúntase "se a pretensión do goberno do Partido Popular é deixar a miles de traballadores e traballadoras (millóns no estado) na indixencia". Mentres o incremento do paro é galopante os orzamentos do estado reducen a partida orzamentaria destinada ás persoas desempregadas e ao redor dun 5,5%, aínda cando o propio goberno estatal estimaba que o número de persoas paradas medraría en 631.100 no conxunto do estado. Estimación que logo de se coñeceren os datos do primeiro trimestre xa non ten ningún valor. 

A central sindical considera que “é inadmisíbel” que neste escenario “se acepte de antemán un nivel de desemprego de tal magnitude, que non se tome ningunha medida coa fin de frear esta lacra social que está deixando a un cuarto da poboación -sen esquecermos ás persoas que dependen destes empregos- nunha situación de total desamparo e sen esperanzas cara ao futuro”.

Comentarios