1.126 quilómetros de estradas poderían pasar a ser de pago na Galiza en 2024

Estradas de acceso á cidade da Coruña. (Foto: Europa Press)
A decisión de cobrar para circular polas autovías está tomada. O Goberno do Estado comprometeuse coa Comisión Europea a aplicar esta medida en 2024, a cambio de acceder aos fondos Next Generation. O Ministerio de Transportes Mobilidade e Axenda Urbana acaba de adxudicar a súa concreción á empresa Ineco.

A rede viaria galega suma actualmente 335,3 quilómetros de pago. Entre estas estradas atópanse algunhas das vías con maior densidade de tráfico e máis decisivas para a articulación territorial do país.

A AP-9 é unha delas. A vía, cuxas obras comezaron na década dos setenta, percorre a fachada atlántica do país entre Ferrol e a fronteira portuguesa. Suma 178 quilómetros e aparece como unha das estradas de xestión privada máis rendíbeis do Estado. Idéntica natureza xurídica presentan a AG-55, vía de 35 quilómetros entre Carballo e A Coruña; a AG-57, estrada de 22 quilómetros entre Vigo e A Guarda; e a AP-53, cun trazado que discorre entre a saída do portádego da AP-9 en Santiago de Compostela e a localidade de Dozón no Deza.

A decisión do Goberno do Estado de cobrar aos usuarios e usuarias por circular polas autovías vai afectar un mínimo de 559,9 quilómetros de estradas na Galiza. Nesta dirección, o Executivo español ten decidido obrigar a pagar en todas as vías de titularidade estatal e estuda a aplicación desta medida naquelas que son propiedade das comunidades autónomas.

As vías do Estado na Galiza

A A-6, actualmente cortada polo derrubamento do viaduto do Castro en Pedrafita do Cebreiro, vai ser de pago. A estrada, coñecida como autovía do Noroeste, é unha das seis autovías radiais do Estado, sendo a principal vía de conexión entre Madrid e a Galiza. Na mesma situación atópase a A-8, denominada como autovía do Cantábrico e vía de unión do país con Francia por Euskadi; e a A-52 ou autovía das Rías Baixas, que discorre polo sur da Galiza e conecta en Zamora coa A-6.

A A-55 e a A-75 están nunha situación análoga. A primeira conecta Vigo e Tui coa A-3 portuguesa, actuando como vía paralela á AP-9, ligando a segunda coa A-24 de Portugal e a A-52 ao seu paso por Verín. A estas estradas sumaríanse, unha vez executadas, a A-56, vía de 61,5 quilómetros de conexión entre as cidades de Lugo e Ourense; a A-57, unha estrada de 14 quilómetros de circunvalación de Pontevedra, e a A-54 entre Lugo e Santiago de Compostela

. A extensión da obriga de pago ás autovías propiedade da Xunta da Galiza afectaría a 231,3 quilómetros de estrada. Unha destas é a denominada autovía da Costa da Morte, de 62,5 quilómetros entre Carballo e Baio (Zas), cuxo primeiro tramo está suxeito a peaxes. A mesma titularidade partíllana a AG-64, entre Vilalba e Ferrol; a AG-59, entre Santiago de Compostela e A Estrada; a AG-58 de acceso a Cacheiras en Teo e AG-56 entre Santiago de Compostela e Brión.

As autovías da Xunta

O Goberno galego é tamén propietario da AG-54, desde O Carballiño a Dozón. Á mesma titularidade corresponden as autovías do Salnés, entre Barro e Sanxenxo; de Celanova, entre esta localidade e San Cibrao de Viñas; do Barbanza, entre Padrón e Ribeira, e a Vía Ártabra, entre Vilar e Iñás en Arteixo. Ao tempo, a Xunta da Galiza ten actualmente en execución a autovía Lugo-Monforte, a autovía do Baixo Miño, a autovía do Morrazo e a autovía de Plisan nas Neves.

A decisión do Executivo estatal de aplicar esta medida xustifícase na necesidade de “mellorar o sistema de financiamento na rede de estradas e desenvolver os aspectos técnicos do mesmo cumprindo así cos compromisos asumidos coa Comisión Europea”. Nesta liña, lembra como a medida é unha realidade en boa parte dos países da Unión Europea.

A fiscalidade

O economista da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Adrián Dios cualifica a alternativa formulada desde o Goberno do Estado de “terribelmente inxusta porque na práctica significa aplicar un imposto indirecto e polo tanto profundamente regresivo”. Realmente, di Dios, "estase pondo enriba da mesa esta proposta porque non se quere facer unha reforma fiscal para que paguen os que máis teñen. Isto vai afectar aquelas persoas que precisan do coche para traballar e por conseguinte o seu maior impacto vai ser naquelas persoas coas rendas máis baixas”.