"Medida antisocial e antigalega": O BNG rexeita a instalación de peaxes en autovías

Néstor Rego considerou "inaceptábel" que o Goberno estatal pretenda gravar o uso das autovías cando na Galiza non existe un transporte público adecuado que poida resolver a mobilidade obrigada.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Europa Press)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Europa Press)

O deputado do BNG no Parlamento, Néstor Rego, criticou a medida anunciada polo Goberno español de implantar peaxes nas autovías estatais a partir de 2024 polos "efectos negativos que tería para as clases populares e para os custos das actividades económicas, que perderían competitividade", e considerou esta iniciativa "un roubo, unha medida antisocial e antigalega”.

O deputado nacionalista cualificou "inaceptábel" que o Goberno estatal pretenda gravar o uso das autovías cando na Galiza non existe un transporte público adecuado "especialmente ferroviario", que poida resolver a mobilidade obrigada e reclama implantar xa as ‘cercanías’ de Renfe.

Para Rego, o Executivo estatal recoñece que se trata dunha medida "de recorte social", xa que "é unha exixencia de Bruxelas polos fondos Next Generation", a pesar de defender con anterioridade que estes "non eran condicionados".

Neste sentido, a formación acusa o Goberno do Estado español de pretender facer pasar esta medida por "sustentábel", co obxectivo de "disuadir do uso do vehículo particular".

Iniciativas rexeitando a instalación de peaxes

Segundo explicou Rego, o BNG presentou varias iniciativas no Congreso rexeitando esta posibilidade "polos efectos negativos que tería para as clases populares e para os custos das actividades económicas".

Aliás, o deputado defendeu que esta medida sería especialmente negativa para a Galiza, "un país con poboación dispersa, que carece dun transporte público que resolva a mobilidade obrigada e que ten unha localización xeográfica periférica na Península e en Europa que obriga as empresas a utilizar as autovías para colocar os seus produtos nos mercados peninsular e europeo".

Para o deputado nacionalista, “está ben” bonificar a liña do Eixo Atlántico durante catro meses, “mais estaría moito mellor mellorar os servizos, conexións, frecuencias e prezos ao longo de todo o ano; implantar as ‘Cercanías’ de Renfe en todas as áreas metropolitanas da Galiza; modernizar liñas como Ferrol-A Coruña ou A Coruña-Lugo; conectar Santiago con Lugo e despregar a rede de transporte ferroviario de mercadorías”.

Rego asegurou que “resulta sorprendente que este Goberno, que se autocualifica como ‘progresista’ non teña nunca en conta os custos sociais que decisións como esta poden implicar. Reducir o número de accidentes e de falecementos por violencia viaria debe ser un obxectivo prioritario”, concluíu.

Comentarios