Continúa a folga de fame d@s afectad@s polas preferentes de Ferrol

A Asamblea de Afectados polas preferentes e Subordinadas de Ferrol (Apres) continúa coa protesta en forma de folga de fame para exixir "o 100%" dos cartos retidos polas entidades bancarias. Estas festas recibiron as visitas de varios alcaldes da zona e do portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, e o deputado nacionalista Carlos Aymerich. Pensan continuar coa folga até o 7 de xaneiro.

Levan pechad@s desde o 24 de decembro e en folga de fame rotatoria para exixiren que lles devolvan todos os seu aforros, agora "secuestrados" e sen posibilidade de acceder a eles. Desde esa data seis persoas, cada 48 horas, realizaron quendas que nun principio tiñan que durar até o 30 de decembro mais decidiron acontinuar e pasar tamén a noite de fin de ano.

Estes días recibiron a visita dos alcaldes de Narón, Ares, San Sadurniño, a tenente alcalde e o alcalde das Pontes, despois de seren convocados pola Asamblea de Afectados polas preferentes e Subordinadas de Ferrol (Apres). Un dos compromisos que saíron desa visita foi poñer os servizos xurídicos dos propios municipios para @s afectad@s, levar o caso a outras institucións supramunicipais e presionar ás entidades bancarias en cada un cos concellos. Apres pediu aos alcaldes que presentasen unha denuncia polo penal, "meter os responsábeis no cárcere", contra as entidades bancarias e estes aceptaron asesorar as demandas individuais neste aspecto naqueles indicios de calote.

Tamén estiveron c@s afectad@s en folga de fame o portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, e o deputado nacionalista Carlos Aymerich. As persoas pechadas amosaron a súa indignación coa súa situación. O caso de Ramón, tamén no peche e na folga de fame, é un exemplo que se coñeceu nesta visita. "Faremos toda a presión que faga falta", aseguroulles Jorquera nese encontro, "falearemos tamén cos outros grupos da oposición para actuar na mesma dirección". A Asamblea de Afectados comunicoulles a súa intención de acudir ao Constitucional. Neste caso, como informaron os deputados nacionalistas, precisarían a actuación dunha institución ou dunha cantidade grande de deputad@s. "Tamén se pode impugnar a decisión de quita", apuntou Carlos Aymerich, "diante do tribunal de Xustiza da UE".

"Seguiremos co calendario de mobilizacións até que nos devolvan o cen por cen do noso diñeiro". Ofelia é unha das afectadas polas preferentes que participa estes días no peche e folga de fame. "Decidimos continuar até o sete de xaneiro e despois realizar unha serie de accións en colaboración con outras plataformas do país". Neste sentido informou que hai convocada unha gran manifestación para o día 3 de febreiro en Compostela. "Este ano non houbo celebración, non temos nada que celebrar, só a loita polo que é noso", asegurou.

Comentarios