Automobilismo

O XXVIII Rally do Cocido tornará Lalín na capital galega do motor con case 100 vehículos

Entre os nomes propios brillan especialmente os de Antonio Pérez Orozco, Alberto Otero e Víctor Senra.
Víctor Senra e Víctor Murado, que veñen de imporse no Rally da Coruña, son dos grandes favoritos ao triunfo final. (Foto: Concello da Coruña).
photo_camera Víctor Senra e Víctor Murado, que veñen de imporse no Rally da Coruña, son dos grandes favoritos ao triunfo final. (Foto: Concello da Coruña).

O próximo 5 de abril, quinta feira, regresa un dos certames máis senlleiros do calendario automobilístico nacional, o Rally do Cocido, que neste 2024 alcanza a súa vixésimo oitava edición.

Enmarcado no conxunto de probas que conforman o Campionato Galego de Rallys -logo de cinco anos no calendario estatal, ora no Supercampionato, ora na Copa de España de Asfalto-, o XVIII Rally do Cocido colle a remuda da cita desenvolta na Coruña hai dúas semanas cunha edición que se estenderá até o sábado, 6 de abril, e na que os e as participantes deberán completar 327 quilómetros, 97 cronometrados, divididos en cinco tramos a dobre pasada.  

Segundo explicou a organización, que de novo corre a cargo da Escudería Lalín-Deza, nun acto de presentación que tivo lugar esta segunda feira na sede do consistorio municipal da localidade considerada como o 'quilómetro cero' da Galiza, nesta ocasión está prevista a participación de 97 equipos de seis categorías diferentes: o Critérium Recalvi, as Copas Pirelli (Volante Federación Galega de Automobilismo, AMF, Top Ten 'C' e Top Ten 'B') e o Supercampionato R5.

Entre os nomes propios brillan especialmente os de Antonio Pérez Orozco, Alberto Otero e Víctor Senra -gañador do recente Rally da Coruña e do Rally do Cocido nos anos 2017 e 2022-, que pilotarán os seus vehículos World Rally Car, un Ford Fiesta e senllos Citröen C3, respectivamente.

Con respecto á súa estruturación, ás 15 horas da sexta feira comezarán no Pontiñas Centro Comercial e de Ocio Gadis as rutineiras verificacións técnicas, tendo lugar, xa as 19.30 horas, diante da Casa do Concello de Lalín, a cerimonia de saída.

Xa que logo, a acción como tal concentrarase integramente no sábado 6 de abril, arrancando -desde a antedita área comercial- o motor do primeiro dos vehículos participantes ás 7.30 horas da mañá, debendo completar os tramos de Carballeda, O Couto e Marouces, unha das novidades desde 2024. Pola tarde, Marouces, de novo, e Rodeiro, decidirán quen levanta a copa.

Comentarios