Automobilismo

O XXVIII Rally da Coruña inaugura o Campionato da Galiza de Rallys

María Pita será de novo inicio e final da cita.
Víctor Senra e David Vázquez gañaron o último Rally da Coruña. (Foto: One Seven Racing).
photo_camera Víctor Senra e David Vázquez gañaron o último Rally da Coruña. (Foto: One Seven Racing).

Os e as afeccionadas do motor poden parabenizarse, pois esta sexta feira arrancan os motores dunha das probas estrelas do automobilismo a nivel nacional, o Campionato Galego de Rallys.

Unha vez máis, e como vén sendo habitual, será no Rally da Coruña, que alcanza a súa edición 28 nun formato dunha única etapa que afrontarán nomes do nivel de Víctor Senra, Iván Ares ou Alberto Meira.

Isto quere dicir que na sexta será a quenda das verificacións técnicas (distruibuídas entre o Polígono de Vío e a explanada fronte o Pazo dos Deportes de Riazor), o shakedown dos vehículos 4x2 e 4x4, e a protocolaria cerimonia de saída do dorsal número '1' xa na Praza de María Pita, sede tanto do inicio como do final do certame.

Polo tanto, a acción propiamente dita desenvolverase integramente no día sábado 16 de marzo, cando ás 8 horas os e as participantes afronten a primeira sección das catro a dobre pasada que conforman este Rally da Coruña, que constará dun total de 89 quilómetros cronometrados.

O primeiro tramo unirá en horario de mañá Coirós con Oza-Cesuras en 9,23 quilómetros, percorrendo despois 14,88 quilómetros sobre o asfalto de Aranga. Pola tarde, e segundo informaron o Concello herculino e a Federación Galega de Automobilismo (FGA), terán lugar os tramos entre Arteixo e Culleredo (de 9,69 quilómetros), e de Cerceda, de 10,47 quilómetros.

Unha vez finalizada a proba está previsto que os vehículos cheguen á praza de María Pita o sábado 16 a partir das 21 horas. Ás 22 horas celebrarase a entrega de trofeos e todos os coches participantes permanecerán na praza até a medianoite.

Comentarios