Xinzo de Limia recibe o Campionato da Galiza de 10 Quilómetros

O certame tamén estará aberto ás atletas populares
Laura Santos é a vixente campioa. (Foto: Concello de Ames).
photo_camera Laura Santos é a vixente campioa. (Foto: Concello de Ames).

Nesta quinta feira tivo lugar a presentación do Campionato Xunta da Galiza de 10 Quilómetros, que se desenvolverá o vindeiro día 10 de marzo integramente no Concello de Xinzo de Limia.

Ao acto acudiron, entre outras autoridades, o alcalde, Amador Díaz; o vicepresidente da Federación Galega de Atletismo (FGA), Eladio Gómez; ou o presidente da Asociación Deportiva Limiactiva, Miguel Ángel Díaz, quen estivo acompañado do directivo Juan Seara.

Con este torneo, Xinzo sitúase novamente "no epicentro do atletismo galego", como xa fixera o ano pasado co desenvolvemento do Campionato Galego de campo a través, e máis recentemente, coa celebración do seu popular Cross de Antioquia, desenvoltos todos elas, destacan desde a FGA, "cun notábel éxito organizativo".

Para esta edición, unha vez máis, a Asociación Deportiva Limiactivia estará colaborando coas distintas tarefas organizativas, que entraña un evento destas características, o cal, a día de hoxe, xa conta "con moitos e moitas atletas que confirmaron a súa participación".

"Malia que as inscricións para o Campionato fecharán a vindeira segunda feira, día 4, ás 20 horas, xa anunciaron que estarán en Xinzo algunhas das medallistas da pasada edición, que se levou a cabo en Carballo", informou a Federación. 

Nesa proba do 2023 proclamáronse campioas da Galiza Laura Santos (Praias de Castellón) cun rexistro de 34.19 e Carlos Porto (Sociedade Ximnástica de Pontevedra), que completou o percorrido en 30 minutos e 47 segundos.

Paralelamente, a maiores, tamén haberá ocasión para que todos aqueles e aquelas atletas popular que o desexen poidan participar, para o cal a organización ten previsto a disputa dunha carreira homologada de 5 e 10 quilómetros.

Comentarios