Xela Martínez e Antía Castro correrán no País Valencià
O atletismo galego contará esta fin de semana con dúas novas citas de rango estatal, sendo a primeira das mesmas a que terá lugar na cidade levantina de Burjassot (País Valencià), até onde se desprazarán un total de doce deportistas na procura dun bo resultado no Campionato de España de 10.000 e de 5.000 metros.
Entre a relación de participantes destaca a presenza das flamantes internacionais e campioas de España de campo a través nas categorías absoluta e Sub-18, Edymar Brea e Xela Martínez, que aspiran a reeditar en pista a excelente campaña efectuada a nivel invernal. A internacional Ester Navarrete tamén estará aportando calidade a esta edición.
Outra das que viaxará até o Mediterráneo será a actual campioa de Europa de cross por equipos en Turín (Italia), Antía Castro, que correrá os 10.000 metros en Sub-23, igual que Hugo García, do Celta, na categoría masculina. T
amén competirá o medallista de bronce estatal Sub-18 de campo a través, Teo de Frutos, do Lucus, que correrá nos 5.000 metros xunto a Asheber Díaz, do Real Club Celta. Completan a relación de galegas nesta categoría Amparo Corredoira e Miguel Alvariño, da Atlética Lucense.
Por último, especial atención merecerá a actuación da actual campioa galega de cross Sub-20, Isabel Caeiro, da Ximnástica, xunto aos campións galegos da mesma categoría en pista cuberta, Mateo Rodríguez, do Celta e Iván Rego, do Lucus.
Campionato de España de 20 km Marcha
A outra cita importante será no Campionato de España dos 20 km que se disputará en Córdoba (Andalucía) o 26 de marzo. Nel participarán as atletas internacionais Antía Chamosa, da Ximnástica de Pontevedra, e a estradense Carmen Escaríz, do Ourense Atletismo.
Para a mundialista en Omán do ano pasado -que ven de saír dunha lesión- e para a pontevedresa bronce europeo Sub-23, este será un dos primeiros compromisos importantes da presente tempada deportiva.
Completarán a expedición galega a Andalucía, Daniel Chamosa, da Ximnástica; Iria Rivas, do Ría Ferrol; Mar Chillón, do Celta; a medallista estatal, máster do Atletismo Sada, Emilia Rodríguez; así como a tamén máster, Soledad Pousa, do Ourense Atletismo.