Dez medallas para Galiza entre o Estatal de marcha e o Sub-23 de pista cuberta

Antía Chamosa rexistrou un novo récord de España
A marchadora da Sociedade Ximnástica parou o cronómetro en 2 horas, 58 minutos e 22 segundos. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A marchadora da Sociedade Ximnástica parou o cronómetro en 2 horas, 58 minutos e 22 segundos. (Foto: Nós Diario).

O atletismo galego demostrou o seu bo estado de saúde tanto no Campionato de España de Marcha en Ruta como no Estatal Sub-23 de pista cuberta, que se desenvolveron, respectivamente, en Sevilla e no Palau Velódromo Lluis Puig de Valencia.

Na localidade andaluza o balance das atletas do país foi de seis medallas e un récord estatal conquistado por Antía Chamosa, a gran protagonista do certame na distancia dos 35 quilómetros. A internacional da Sociedade Ximnástica de Pontevedra logrou parar o reloxo nuns fantásticos 2.58.22, estabelecendo así unha nova mellor marca histórica Sub-23 e confirmándoa como unha das marchadoras con máis proxección sobre a distancia que substituirá os 50 quilómetros logo dos Xogos Olímpicos de Tóquio 2021.

Lamentabelmente, nin o seu irmán Daniel Chamosa nin a súa compañeira Iria Rivas (Ría Ferrol) conseguiron acabar a carreira, xusto o contrario do acontecido con Emilia Rodríguez, Juan Morales, José Fernández e Manuel Polo, que opacaron o resto de atletas co seu bo desempeño nas diferentes categorías Máster.

Rodríguez (Trega) proclamouse campioa de España na categoría Máster-45 cun rexistro de 2.00.06, engadindo así un novo metal máis ao seu amplo palmarés estatal. Morales, do Marineda, facía o propio na proba dos 20 quilómetros Máster-40, estabelecendo un formidábel rexistro de 1.32.35 e, de paso, logrando un novo récord galego. Nesta mesma categoría sería segundo, e por conseguinte subcampión estatal, José Fernández (R.C. Celta), quen chegaba por detrás do marchador do Marineda con 1.35.32.

E a cuarta das medallas dos veteranos e veteranas galegas iría parar a Manuel Polo, do Atletismo Narón, quen nos 20 quilómetros Máster-45 marcaba un rexistro de 1.42.33, suficiente para lograr a prata na súa categoría.

Queimaño e Barreiro brillan en Valencia

Galiza rematou o Campionato de España de Atletismo Sub-23  con catro postos de finalistas e dúas medallas, conseguidas por Eva Queimaño (Super Amara BT) e Álex Barreiro (Lugo Running).

O deportista lucense logrou o subcampionato na modalidade de triple salto cunha mellor tentativa de 15,09 metros, un rexistro co que supera a súa mellor marca persoal -datada no ano pasado- en máis dun centímetro, ademais do bronce conseguido no Estatal ao aire libre de 2020.

Pola súa banda, a internacional e actual campioa de España ao aire libre de héptatlon, Eva Queimaño, volveu subir ao podio grazas a unha brillante actuación na que sumou 9.20-1,63-9,99-5,24-2:31.75, que lle outorgaron un total de 3.466 puntos, cos cales se fixo merecedora da medalla de bronce.

Entre o resto das Atletas destacou a actuación de Andrea Pais, do A.F. Celta, que realizou un excelente campionato logo de meterse na final 'B' dos 200 metros, acadando a terceira posición e a sétima xeral cun rexistro de 25,24. 

Tamén a de Cristina Garrido, da Ximnástica, que corría as súas semifinais dos 60 metros en 7.86 segundos, logrando así acceder á final, onde rebaixaba o seu rexistro até os 7.81 e, ao mesmo tempo, lograba un excelente sétimo posto, un por enriba do conseguido pola súa compañeira na Ximnástica de Pontevedra Lucía Ferrer, quen finalizou os valos en 9.08.

Comentarios