A Volta Ciclista á Galiza comezará cunha contra o reloxo na Coruña

A etapa inicial terá 15 quilómetros de extensión.
A presentación da proba tivo lugar diante da Torre de Hércules. (Foto: deputación da coruña).
photo_camera A presentación da proba tivo lugar diante da Torre de Hércules. (Foto: deputación da coruña).

A edición 2024 do Gran Camiño, a antiga Volta Ciclista Profesional á Galiza, xa ten liña de saída. Será na Coruña, cunha etapa contra o reloxo de 15 quilómetros que dará protagonismo á Torre de Hércules e á cidade herculina.

Así, o 22 de febreiro o mellor ciclismo internacional percorrerá a primeira fase dunha proba que foi presentada oficialmente nesta sexta feira, nun acto que contou coa presencia do xerente de EME Sports, a empresa organizadora, Ezequiel Mosquera; do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; do concelleiro de Deportes da cidade herculina, Manuel José Vázquez; e do ex ciclista Gonzalo Rabuñal.

Mosquera, que fora líder do equipo Xacobeo Galicia, manifestou ante os presentes que a Torre de Hércules, onde estará instalada a liña de saída, é "un marco incomparábel" para dar inicio a unha rolda "que tenta sempre tocar algunha das grandes cidades galegas, como en edicións anteriores foron Vigo e Santiago de Compostela".

 Pola súa parte, Valentín González Formoso aplaudiu que á nómina de "lugares emblemáticos" presentes no Gran Camiño, como a Praza do Obradoiro, poida sumarse tamén a Torre de Hércules, e destacou a súa "vertente económica, que move arredor de 1.000 persoas só no referente á organización".

De agora en diante, a organización continuará facilitando de forma progresiva os detalles do percorrido da próxima edición da Volta Ciclista á Galiza, que xa conta con escuadras de primeiro nivel entre as que confirmaron a súa participación.

A máis importante é o até o de agora coñecido como Jumbo Visma -e desde o 1 de xaneiro de 2024 Visma Lease a Bike-, o conxunto no que militan os gañadores das últimas edicións do Giro de Italia, o Tour de Francia e a Vuelta a España.

Comentarios