Unha trombose deixa fóra de xogo o deportivista Retuerta

O futbolista branquiazul ten 21 anos. 
Alberto Retuerta. (Foto: Real Club Deportivo).
photo_camera Alberto Retuerta. (Foto: Real Club Deportivo).

A can fraco todo son pulgas.

O Real Club Deportivo da Coruña continúa sumido nunha crise de resultados que se prolonga xa por máis de cinco anos e da que lle está resultando máis difícil zafarse que esquivar a marca do máis correúdo dos zagueiros.

Nesta ocasión, menos de 12 horas despois de deixar escapar dous puntos de Riazor logo de asinar un empate a un nun mediocre encontro ante Osasuna B, o conxunto branquiazul confirmou esta segunda feira que perderá durante polo menos tres meses -unha "estimación optimista", segundo as fontes médicas consultadas por Nós Diario- a Alberto Retuerta por unha trombose venosa na perna esquerda, da que non se indicaron as posíbeis causas no breve comunicado emitido polo Dépor.

Con tan só 21 anos de idade, o lateral procedente do Real Madrid B non estaba contando coa confianza dun Imanol Idiakez cada vez máis cuestionado e que só contou con minutos en tres partidos, todos eles no pasado mes de outubro, cando saltou ao terreo de xogo contra a Ponferradina, o Sabadell e o Nàstic de Tarragona.

Retuerta chegou á Coruña no verán de 2022, máis o pasado exercicio tampouco contou con minutos.

De feito, o canteirán branco, ante a falta de minutos, no mercado de inverno buscou -e atopou- no Hércules de Alacante as oportunidades que se lle negaron na cidade herculina.

Comentarios