Unha tripla de Bamforth dá ao Breogán unha nova Copa Galiza de baloncesto

Os lucenses impuxéronse na final aos composteláns Obradoiro por Obradoiro 79-82.

breogán baloncesto-min
photo_camera (Foto: Breogán)

Ambiente de festa e partido apaixonante. A final da Copa Galiza de baloncesto volveu amosar como se vive unha final na que se citan os dous grandes do baloncesto galego, Obradoiro e Breogán, Breogán e Obradoiro; Lugo e Compostela. Todo un derbi de altura que non se resolveu até o derradeiro momento deste partido.

De feito, nos tres primeiros cuartos foron por diante os de Moncho Fernández. Mais unha tripla do veterano Scott Bamfoth a falta de tres segundos, deu o triunfo ao Rio Breogán, que revalidou o título de campión da Copa Galiza.

Os lucenses suman así tres das últimas catro copas (en total, 14) e eríxense como grande da Galiza, un título en disputa permanente co Obradoiro.

A final xogouse en Ourense, no pavillón Paco Paz, até onde se desprazaron afeccións de ambas as dúas equipas. Un encontro no que o Obradoiro foi por diante boa parte do partido, se ben a reacción do Breogán levou a que se chegase ao tramo final con todo aberto.

E aí o Breogán tivo maior acerto, sabendo ademais castigar os erros obradoiristas en pase.

A falla de tres minutos para o final, había empate, 76 a 76. Os últimos 30 segundos foron un cara ou cruz e o Breogán soubo manexalo mellor, cunha tripla de Scott Bamforth que sacou ouro da última posesión dos lucenses.

Unha Copa con historia

A Copa Galiza de Baloncesto nace en 1986 coa primeira edición da competición sénior masculina. Na súa xestación participaron os equipos galegos que daquela formaban parte da chamada Primeira División Estatal de Baloncesto: eran o OAR Ferrol, o Club Ourense Baloncesto, o Obradoiro compostelán e mais o Breogán de Lugo.

Comentarios