O baloncesto galego masculino ten unha cita coa Copa Galiza, desta vez en Ourense

A elite do baloncesto galego ten unha cita en Ourense na Copa Galiza. O Obradoiro, o Río Breogán, o Club Ourense e o Basquet Coruña competirán entre o 15 e o 17 de setembro polo máximo premio deste deporte no país. No evento renderase homenaxe a Vicente 'Nino' Santos, o adestrador  que abriu camiños neste deporte. 

O Leite Río Breogán, na imaxe nun partido da Liga Endesa en abril deste ano, terá que defender o título da edición anterior. (Foto: CB Breogán).
photo_camera O Leite Río Breogán, na imaxe nun partido da Liga Endesa en abril deste ano, terá que defender o título da edición anterior. (Foto: CB Breogán).

O Pavillón de Deportes Paco Paz de Ourense acollerá esta semana a Copa Galiza Masculina de Baloncesto. Entre o 15 e o 17 de setembro os catro equipos máis representativos do país loitarán por conseguir este prestixioso título previo ao inicio da competición estatal. O seu formato contará con dúas semifinais que terán lugar mañá comezando polo choque entre Monbus Obradoiro CAB e Basquet Coruña (18.30 horas) e seguindo polo encontro entre Leite Río Breogan e Club Ourense Baloncesto (20.30 horas).

Na edición pasada o Río Breogán conseguira levar a Copa ao gañar na final contra o Obradoiro (76-82) tres semanas antes de comezar a Liga Endesa. Daquela fora un encontro igualado cun mellor inicio dos de Compostela que conseguiran neutralizar os de Lugo impedindo que revalidaran o título de 2019 que mantiñan ao non realizarse pola pandemia o campionato de 2020. 

Unha Copa con historia

A Copa Galiza de Baloncesto nace en 1986 coa primeira edición da competición sénior masculina. Na súa xestación participaron os equipos galegos que daquela formaban parte da chamada Primeira División Estatal de Baloncesto: eran o OAR Ferrol, o Club Ourense Baloncesto, o Obradoiro compostelán e mais o Breogán de Lugo.

O primeiro vencedor foi o Club Baloncesto Breogán, que na actualidade é o club máis laureado da competición ao quedar campión en trece ocasións. Nesta edición a responsabilidade organizativa, xunto coa Federación Galega de Baloncesto e o apoio das Administracións, recae na Asociación Deportiva Bosco de Ourense. 

Homenaxe do baloncesto a Vicente ‘Nino’ Santos

A Copa este ano é toda unha homenaxe ao baloncesto ourensán en xeral e a algunhas figuras que axudaron a que medrara en Ourense. É o caso de Vicente ‘Nino’ Santos, o adestrador que sinalou o camiño durante anos a outros técnicos e tamén xogadores da cidade. É o caso de Sony Vázquez, deportista profesional e responsábel na organización deste torneo.

“Queriamos facer esta homenaxe e o evento máis representativo era a Copa Galiza”, explica a Nós Diario o propio Vázquez. Este xogador, que chegou a competir co equipo da súa cidade natal durante 13 anos en catro etapas distintas, sendo a tempada 1995-1996 e 2000-2001 parte integrante do equipo que competiu na ACB, recoñece que Nino “foi unha persoa fundamental para a miña carreira deportiva e a primeira que me dixo que podía e tiña capacidades para dedicarme a este deporte”. 

Alén diso, co seu bo facer “inculcaba unha valores como o esforzo e o traballo”, sinala, “era un bo educador ademais dun bo adestrador”, engade. Outros deportistas tamén atoparon o seu camiño no baloncesto ao coñecer este adestrador. "Foi fundamental, por exemplo, para que Diego Ocampo se dedicara a adestrar e apoiouse nel nos seus primeiros anos". 

Ademais, o baloncesto galego e ourensán lembrará nesta Copa outros nomes deste deporte. Entre eles figuran o adestrador de base da cidade, José Antonio Vaquero, e a Adrián Temes ‘Betxo’, xogador moi apreciado, ambos falecidos moi novos en 2021.

Vitoria do Mariscos Antón Cortegada na Copa Feminina  

A Copa Galiza Sénior Feminina vivirá ao longo de setembro a súa XXXV edición. A competición comezou cunha Fase Previa protagonizada polos equipos galegos de Liga Feminina 2: CB Arxil de Pontevedra, Maristas Coruña e Mariscos Antón Cortegada de Vilagarcía. Os tres disputarán unha liga a unha volta con data tope para a súa conclusión no 17 de setembro. No primeiro encontro Mariscos Antón Cortegada superou a Maristas Coruña por 68 - 31.

O equipo mellor clasificado desta previa pasará directamente á fase final, en cuxas semifinais xa teñen un posto directo Durán Maquinaria Ensino, como representante en Liga Feminina Endesa; e Celta Zorka Recalvi e Baxi Ferrol como equipos de LF Challenge. O 23 de setembro  serán as semifinais. A final terá lugar o 25 de setembro.

Comentarios