Silvia Aguete: "Considérome unha privilexiada por poder vivir deste deporte"

A mellor porteira de fútbol sala do mundo ten nome e apelido galego: Silvia Aguete (Pontevedra, 1987). A futbolista do Poio Pescamar comparte con 'Nós Diario' os seus problemas coas lesións, non canea polémicas e repasa a actualidade apenas uns días despois de recibir o trofeo que a acredita como a número 1 do planeta.
A portería do Poio Pescamar está segura con Silvia Aguete. (Foto: FS Poio).
photo_camera A portería do Poio Pescamar está segura con Silvia Aguete. (Foto: FS Poio).

O Poio ten dúas das mellores gardametas da actualidade nas súas filas, pero pola súa lesión e a expulsión de Caridad tivo que ocupar a portería Iria Varela, que ten tan só 15 anos. Como viviu un debut tan especial?

Foi xenial, estivo impresionante. Foron moitas as circunstancias polas que se viu obrigada a debutar, todo foi tan caótico... pero fíxoo súper ben a pesar de ter que saír no medio dun partido, o primeiro que xogabamos na casa ademais. Parecía que levaba moito máis tempo xogando nesta categoría. 

Vostede, lamentabelmente, continúa de baixa a causa dunha lesión, a cara amarga e en ocasións oculta dun deporte que xa viviu máis veces do que lle gustaría. Como se atopa na actualidade?

A cousa complicouse logo de todo este parón a causa do coronavirus, primeiro por unha lesión no recto anterior da perna esquerda e agora cunha escordadura de xeonllo na dereita. Así que a verdade é que a cousa está bastante mal (ri). Pero así é o deporte, e hai que levalo todo o mellor posíbel, e vendo que teño boas substitutas, pois quedo máis tranquila. Agardo que en cuestión de dúas semanas poida estar practicamente recuperada, pero dependerá de como evolucione. Eu sempre tiven estábel o xeonllo, pero sigo con dor na zona, e mentres non me cicatrice ben o ligamento, toca seguir traballando, pero co fisioterapeuta. 

Agora que saca o "monotema" do coronavirus, supoño que estará ao tanto do acontecido no pavillón do Móstoles coas xogadoras do Burela, que protagonizaron unha protesta ante a negativa das súas rivais madrileñas a facer os tests da Covid-19. Que impresións lle mereceu esa escena?

Sen querer tomar partido por un lado nin polo outro, ver ese tipo de estampas no fútbol sala non é agradábel para ninguén, porque transmiten unha imaxe do noso deporte que non se corresponde coa realidade. Estamos todas no mesmo barco, e esta situación temos que superala entre todas. Está claro que vai haber discrepancias ao longo de todo o ano, pero dáme pena que se dean escenas así e que sexan tan públicas.

Varias xogadoras do Burela criticaron a actitude das do Móstoles, dándolles as costas, o que consideraron como unha falta de respecto entre compañeiras. Coincide?

Unha pode entender un pouco as dúas situacións, habería que verse aí, e non quero dar unha opinión ao respecto porque non sei con certeza a versión de cada unha. Simplemente insistir en que sinto mágoa por chegar a ese extremo nun ano que vai ser moi complicado para todas.

Un ano tan, tan complicado que aínda acaba de recibir, con varios meses de atraso, o trofeo que a acredita como mellor porteira do mundo no ano 2019. Como se sente agora que xa está nas súas mans?

Pois moi ben, moi contenta. Recibir todo este tipo de recoñecementos, tal e como está todo, é moi de agradecer, aínda que resulta un pouco agridoce, porque a noticia recibina en pleno confinamento e non puiden celebralo coas amigas, coa familia... mais  é unha distinción moi importante que nunca imaxinei ter nas miñas mans, así que toca seguir traballando, cos pés na terra, e agradecendo ás miñas compañeiras, porque isto é un deporte colectivo e todas achegaron o seu gran de area.

Hai pouco tempo entrevistamos en 'Nós Diario' a Pauleta, estrela do Benfica portugués, totalmente profesional, a pesar de non ser algo aínda habitual no fútbol 11 feminino. Vostede, ademais de cos estudos que está a desenvolver, ten que compatibilizar o deporte con algún tipo de traballo para sobrevivir?

Por sorte hoxe en día podo dicir que me dedico en exclusiva ao fútbol sala e que vivo do deporte que me gusta. Porén, cando empecei nisto nin o imaxinaba, era moi complicado. E hoxe en día non todas as xogadoras teñen contratos profesionais e poden dicir que viven disto... son unha privilexiada.  Agardo que ao final, co paso do tempo, dos anos, sexa algo común e que non teñamos que dicilo como se fose unha excepción. 

Sería un tanto chocante que nin sequera a mellor do mundo na súa posición fose quen de vivir do fútbol sala...

Si, pode resultar chocante, pero tampouco sería tan sorprendente. Cando vives este deporte de preto, desde dentro, sabes cales son as súas condicións e, por desgraza, non sempre son as máis xustas para a dedicación e o sacrificio que esixe, pero vanse dando pasiños. 

Comentarios