Pauleta: "En Portugal, a felicidade dunha persoa pode estar en que o seu equipo gañe"

Celtista con alcume de (infravalorado) dianteiro deportivista, Paula Domínguez 'Pauleta' (Redondela, 1997) é peza chave desde a súa fundación, hai tan só dous anos, da división feminina do histórico Sport Lisboa e Benfica, un conxunto co que esta futbolista galega aspira a gañalo todo esta tempada... se a Covid-19 o permite.
Pese a xogar de pivote, non é raro ver a Pauleta marcar goles. (Foto: SL Benfica).
photo_camera Pese a xogar de pivote, non é raro ver a Pauleta marcar goles. (Foto: SL Benfica).

—Despois da abrupta interrupción da última tempada a causa da Covid-19, como foi a volta ao deporte en Portugal?

Aquí comezamos a adestrar o 1 de xullo, con distancia de seguridade e sen contacto entre xogadoras. Así estivemos durante aproximadamente un mes e medio, e non disputamos o primeiro partido de liga até o 27 de setembro, e desde aquela levamos xogados cinco encontros.

—Ademais de na liga, este ano competirá coas súas compañeiras na Liga de Campións, mais para conseguilo terán que superar unha eliminatoria contra o PAOK de Salónica, un equipo que por coeficiente está un chanzo por enriba do seu. Listas para dar a sorpresa?

O noso rival ten máis experiencia que nós na competición, pois é a primeira vez que participamos, pero o corpo técnico do Benfica xa está vendo partidos delas e analizándoas en profundidade. Ademais, temos un bo cadro de xogadoras, maduro abondo como para saír vitorioso dun partido que no que o conxunto gañador non será o que máis futbolistas de calidade teña, senón o que mellor resolva os pequenos detalles propios desta clase de choques.. De todos os modos, este ano cambiou o modelo de competición, pois antes o play-off de acceso á Liga de Campións era un grupo de catro equipos e agora, aínda superando o PAOK, teremos que pasar outra eliminatoria. Se a gañamos, xa si que estaríamos dentro. 

—Xunto coa clasificación para a fase final da Liga de Campións, o obxectivo será gañar unha liga que, moi posibelmente, de non ter sido polo coronavirus estaría xa nas súas vitrinas?

Si. O primeiro ano que se creou o Benfica os obxectivos foron ascender e gañar a Copa, e conseguimos ambos os dous. E no segundo era gañar a liga, pero infelizmente non o conseguimos porque se parou todo cando estabamos moi ben encamiñadas.

—Comentaba hai un momento que o corpo técnico xa está traballando en obter información para estudar o mellor posíbel as súas rivais na Liga de Campións. Cal é o grao de profesionalización que existe no fútbol feminino portugués?

Pouco a pouco vaise evolucionando. No Benfica o nivel de profesionalización é moi alto, diría que absoluto, o que é do mellor que nos pode pasar como futbolistas, que nos traten e que nos esixan como profesionais. As xogadoras temos que estar dedicadas 100% ao clube, porque eles dánolo todo. Con respecto ao contexto da liga de Portugal, hai outros equipos que o están facendo ben, como Sporting e Braga, que xunto co Benfica son os que mellores dan ás súas xogadoras, que son plenamente profesionais. Famalicão ou Torreense son outras entidades que pouco a pouco queren dar mellores condicións ás xogadoras, mais aínda non están no mesmo nivel que os tres que citaba antes. 

—Entón en Portugal, igual que acontece en España, segue a existir a figura da muller que compatibiliza o seu labor futbolístico con outro traballo para poder subsistir? 

Si, aínda hai moitos equipos onde só conseguen adestrar pola noite porque a maioría das xogadoras traballan e só poden prepararse dous ou tres días á semana porque o fútbol non é a súa verdadeira profesión. Nótase un gran salto de nivel entre eses conxuntos que teñen condicións absolutamente  profesionais, con adestramentos pola mañá en campos de herba natural, que teñen sesións de ximnasio e un corpo técnico arredor das xogadoras e os que non.

—Como é pertencer a unha entidade tan grande como o Benfica, que presume de ser o clube de fútbol con máis socios do mundo? Nótase no día a día?

Si, e moito, desde o mesmo momento en que fichei polo Benfica. Desde que o clube publicou o meu nome recibín miles de mensaxes dándome a benvida e pedíndome que o dese todo. Nótase que hai moita xente detrás de nós, e tanto directiva como corpo técnico intentan deixarnos claro que hai moita xente véndonos e que sempre temos que esforzarnos a tope, porque aquí en Portugal existe unha filosofía moi bonita: “A felicidade dunha persoa pode ser que o seu equipo gañe ou perda”. Se o Benfica gaña, podemos alegrarlle o día a miles e miles de persoas, e tendo iso ben presente sempre xogas cun plus extra de motivación.

—Pola súa forma de falar, dá a impresión de que non ten gana ningunha de cambiar de aires... 

Non (ri). O certo é que estou contentísima aquí e síntome moi querida tanto polos afeccionados como polo clube, e iso é moi importante para unha futbolista.

Comentarios