Xornada intensa para as guerreiras do fútbol sala

Aspiran a consolidarse na zona alta da táboa
De gañar, o Burela podería ser líder da categoría. (Foto: Burela FS).
photo_camera De gañar, o Burela podería ser líder da categoría. (Foto: Burela FS).

A terceira xornada da Primeira División feminina de fútbol sala promete ser de todo menos tranquila para os equipos galegos da categoría: Burela, Cidade das Burgas, Poio, Ourense e Viaxes Amarelle da Coruña

Esta última escuadra aspira a lograr o seu primeiro triunfo da tempada na pista do Clube Deportivo Leganés hoxe ás 19 horas, ante unhas madrileñas que aínda non debutaron a causa dos casos positivos que detectaron entre as súas xogadoras. A estatística resulta favorábel para as de Jorge Basanta, que sempre foron quen de puntuar nos seus choques máis recentes contra o Leganés, aínda que xa pasou ano e medio desde o seu último enfrontamento.

A escasos 15 quilómetros, no Polideportivo Municipal Villafontana de Móstoles volve á acción ás 19.30 horas o Burela Pescado Rubén, logo de padecer un aprazamento a pasada semana a causa do illamento do Intersala Zaragoza. 

O Burela buscará seguir sumando de tres en tres despois do bo arranque a domicilio fronte a Alcorcón (2-3). "Imos saír a gañar, queremos levar o ritmo e a intensidade, como sempre, impor o noso nivel e o noso xogo" asegura unha Ale de Paz, que se declara "consciente" de que non poden "baixar nin a intensidade nin o nivel dos adestramentos" a pesar dos paróns que poida provocar a Covid-19 ou de lesións como a escordadura de nocello de Jenny.

Mais os duelos galego-madrileños non quedan aí, pois o Ourense xoga ás 17 horas de hoxe co Futsi Atlético Navalcarnero, aínda que a diferenza do que acontece co Amarelle e o Pescados Rubén, farao na casa.

Separados por apenas dous puntos na clasificación, este igualado choque poderá ser seguido a través da canle de Youtube do conxunto galego, logo de conseguir o obxectivo de lograr a cifra de 1.000 persoas subscritas, para a que estiveron desenvolvendo unha campaña de promoción nos últimos días.

Finalmente, Poio Pescamar e Cidade das Burgas enfrontaranse nun derbi ás 19 horas de hoxe no que destaca especialmente a presenza baixo os paus da portaría do conxunto local da gardameta Iria Varela, quen con tan só 15 anos terá que asumir a responsabilidade de substituír dous pesos pesados deste deporte como son Silvia Aguete -lesionada- e Caridad -sancionada-, consideradas as dúas mellores do Estado na súa posición.

Comentarios