venres 30/10/20

Cinco equipos galegos competirán na primeira división do fútbol sala feminino

O Viaxes Amarelle, recén ascendido, aspira a manter a categoría e facer un bo papel.
O Viaxes Amarelle FS con xogadoras e equipo técnico estarán este tempada en Primeira División (Viaxes Amarelle).
O Viaxes Amarelle FS con xogadoras e equipo técnico estarán este tempada en Primeira División (Viaxes Amarelle).

O vindeiro 17 de outubro comeza a competición oficial na Primeira División do Fútbol Sala feminino, que esta edición contará con cinco representantes galegos. Divididos en dous subgrupos, veremos a Cidade das Burgas GLS, Ourense CF Envialia, Pescados Rubén Burela, Poio Pescamar FS e o ascendido Viaxes Amarelle FS. A competición estreará un novo sistema a través de subgrupos "baixo o formato de cremalleira", segundo informan desde a Federación Galega de Fútbol. Desta maneira, facilitaríase máis xornadas de descanso e os desprazamentos entre semana. 

Os grupos constarán de 9 equipos cada un, 18 en total, que nunha primeira fase disputarán unha liga regular a dobre volta en cada subgrupo con 18 xornadas e 16 partidos. Na segunda fase, coa clasificación final dos subgrupos, conformarase outra na que os equipos se enfrontarán a aqueles cos que non xogou.

Os catro primeiros equipos disputarán o Playoff polo Título de Campión de Liga e os que descendan serán os que queden nas catro últimas posicións. 

Composición dos grupos 

A máxima categoría estatal do fútbol sala feminino quedará, desta maneira, co Subgrupo A confeccionado por CD Leganés, Atlético Navalcarnero, Poio Pescamar FS, Cidade das Burgas GLS, Ourense CF Envialia, Viaxes Amarelle FS, AE Penya Esplugues, Gran Canaria FSF Teldeportivo e STV Roldán FS. No Subgrupo B enfrontaranse Pescados Rubén Burela FS, Sala Zaragoza, Intersala Promesas Zaragoza, Rayo Majadahonda, FSF Móstoles, Xaloc Alacant FS, Universidad de Alicante, Melilla Sport Capital Torreblanca FS e AD Alcorcón FS. A xornada 18, última do campionato regular, realizarase o día 13 de marzo de 2021. 

Ilusión no Viaxes Amarelle por voltar a Primeira

O adestrador do Viaxes Amarelle, Jorge Basanta, recoñece a Nós Diario que afrontan a volta a Primeira división "con ilusión" mais sabendo que "son un equipo humilde e co orzamento máis baixo da categoría". En relación ao calendario proposto asegura que o anterior "era un pouco irreal" por non contar con xornadas nas que incorporar partidos suspendidos.

"Levamos mes e medio traballando e adaptando as xogadoras que viñeron novas para comezar nas mellores condicións", indica Basanta. Nas espectativas para esta tempada está a experiencia de hai dous anos cando non conseguiron manter a categoría competindo con xogadoras moi novas. O adestrador queda coa pasada na que "rematamos sen perder nin un só partido" polo que cre que están preparadas para manterse na categoría.

comentarios