xoves 02/12/21

A billarda xa conta con federación e crea clubs

A billarda conseguiu chegar a ser considerado unha modalidade deportiva e contar cunha federación. Compartirá organismo coa chave e sumarán esforzos para promover as disciplinas tradicionais en todos os ámbitos. Outra das novidades é que contan cunha nova páxina web co dominio .gal. 
Primeira xornada da Conferencia Noroeste de Billarda (2020-2021),celebrada en outubro na pista polideportiva cuberta de Folgueira (Xosé Collazo).
Primeira xornada da Conferencia Noroeste de Billarda,celebrada en outubro na pista polideportiva cuberta de Folgueira (Foto: Xosé Collazo).

O camiño cara a normalización da billarda como modalidade deportiva foi longo mais rematou estes días co anuncio da creación dunha nova federación que levará o nome de Federación Galega de Deportes Autóctonos (FGDA) na que se situará a billarda xunto á chave que xa figuraba cun organismo propio. 

O paso decisivo para que fose posíbel comezou no Parlamento da Galiza o 4 de xuño de 2019 cando, a partir dunha proposta do BNG, a cámara acordou por unanimidade de todos os grupos políticos pedir ao Goberno galego que abrira de inmediato un proceso de diálogo coas entidades existentes que traballan no eido dos deportes tradicionais para a avaliar a posibilidade de crear unha futura federación. Nesas conversas entraron os dous deportes que xa contaban con federación oficial, o da chave e o dos bolos. Xan Rodiño, membro do comité técnico da billarda na actualidade, explica Nós Diario que o acordo foi que "de momento" o novo organismo nacera sen os bolos por propia vontade da súa federación mais cun bo entendemento entre todos que posibilite unha futura incorporación. 

A organización da nova federación 

Para a organización da FGDA entre a chave e a billarda estudáronse as fórmulas máis oportunas. "Unha delas sería crear unha federación nova de cero que levaría máis complexidade", sinala Rodiño, "a outra consistía en que a partir dunha xa creada se modificaran estatutos, o nome e a partir de aí funcionar", conclúe. Esta última foi a que adoptaron desde ambos deportes para iniciar a súa andaina. Desde a chave convocaron unha asemblea extraordinaria para aprobar uns novos estatutos e admitir que convivirán con outra modalidade que é a billarda. "Polo de agora", informa Rodiño,  "mantense a mesma xunta directiva presidida por Alfredo Blanco". 

Esta decisión cadra coa lóxica que marca o calendario electoral de que en 2022 haberá novas eleccións e xa se poderían presentar candidaturas con tempo e ben preparadas. En todo caso informa de que "normalmente hai unha candidatura única, con representantes de ambas modalidades" e no caso da chave e a billarda "aínda estamos no período de namoramento, de momento non hai ningún problema e todo son sinerxías positivas". 

O proceso de federarse non será obrigatorio e partirá das persoas que xogan agora nas comarcas de Lugo, A Coruña, Pontevedra e ocasionalmente no verán nas de Ourense. De momento nas da Coruña, Pontevedra e Ourense foron transformando eses equipos en clubs. Lugo, de momento, aínda continúa sen competición desde que quedou paralizada en 2020 polo que non tiveron posibilidade de reunirse. "Cando poidamos falaremos", di Rodiño, "e haberá xente a favor e xente que non por supoñer unhas vantaxes mais tamén certas obrigas", contempla. 

A continuación da liga paralizada pola pandemia

O primeiro anuncio que fan desde a billarda é que o inicio da tempada 2021-2022 comezará, como xa é tradición, no mes de setembro. O estado de alarma só permitiu xogar dúas xornadas desta actual, que pensan rematar no mes de agosto. Agora quedan dúas conferencias. Na liga atlántica faltarían oito xornadas nas Rías Baixas e dez na Coruña. Tamén faltaría a liga na Ribeira Sacra que continuaría nos meses de xuño, xullo e agosto.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Unha das novidades que trouxo a inclusión da billarda como deporte federado foi o acceso a unha nova páxina web que se xestionará a partir do dominio galego e pasa a ser billarda.gal. Polo de agora ten pouco contido mais nela xa se pode consultar o calendario das vindeiras citas deportivas.

A billarda xa conta con federación e crea clubs
comentarios