A Televisión Galega retransmitirá encontros ao vivo de chave e billarda

O primeiro será a Supercopa o vindeiro 26 de marzo
A billarda chega á Televisión da Galiza (Foto: LNB).
photo_camera A billarda chega á Televisión da Galiza (Foto: LNB).

Menos dun ano despois da creación da Federación Galega de Deportes Autóctonos (FGDA), a billarda e a chave dan un paso máis no labor de recuperación destas históricas modalidades deportivas logo de asinar un convenio coa Televisión da Galiza.

Este traducirase en que durante as próximas catro tempadas a TVG retransmitirá tres eventos anuais de dúas horas de duración cada un deles, tal e como confirmaron fontes federativas a Nos Diario.

As probas que emitirá a Televisión Galega non corresponderán a ningunha das conferencias que conforman a Liga Nacional de Billarda, senón que serán creadas ex profeso e adaptadas a un formato televisivo que se distribuirá equitativamente entre chave e billarda.

 A primeira das mesmas será a Supercopa, que se desenvolverá de 17 a 19 horas do sábado 26 de marzo na cidade da Coruña, e máis concretamente na pista de chave e no Campo Municipal de Fútbol Víctor Fernández Alonso -antiga Leyma-, sede da Federación Galega de Deportes Autóctonos.

No caso de que as condicións climatolóxicas non sexan favorábeis e a choiva faga acto de presenza, o evento desprazarase até o polideportivo do Ventorrillo.

Desde a entidade federativa, ademais de expresar o seu agradecemento ao Concello da Coruña pola cesión das instalacións, desexan facer un chamamento a todas as persoas que poidan estar interesadas a que, ou ben sintonicen a Televisión da Galiza ou, se poden, asistan como público a esta pioneira Supercopa como forma de demostrar o seu apoio.

"Somos unha disciplina histórica que chegara a desaparecer, pero que desde a súa recuperación a comezos do século XXI non para de medrar e hoxe conta con máis de 600 licenzas e 40 clubs distribuídos por todos os recunchos do país", din.

Comentarios