A selección galega cadete e infantil de voleibol prepárase estes días en Marín para o campionato estatal

Un total de 56 deportistas de base loitarán por estar nos campionatos de seleccións.
Un dos adestramentos realizados polas xogadoras da categoría infantil en febreiro na Estrada (Foto: FGV).
photo_camera Un dos adestramentos realizados polas xogadoras da categoría infantil en febreiro na Estrada (Foto: FGV).

A Federación Galega de Voleibol fixo oficial a súa segunda convocatoria das seleccións galegas para esta tempada co obxectivo de seguir traballando na preparación dos Campionatos de España de Seleccións Autonómicas 2023.

As xogadoras e xogadores que se escolleron terán unha nova oportunidade para demostrar o seu potencial diante das e dos técnicos do voleibol galego na localidade de Marín (comarca do Morrazo), onde se concentrarán desde hoxe e até o vindeiro sábado. 

Serán un total de 56 deportistas de 14 clubs galegos os que procurarán facerse un oco para estar nas listas finais das seleccións que participen no Campionato de España de Seleccións de Voleibol que decorrerá no Polideportivo Pisuerga de Valladolid (Castela e León) do 29 de xuño ao 2 de xullo. 

As concentracións terán lugar no Pavillón do Colexio San Narciso e comezarán coa categoría infantil ás 10 horas. Pola súa parte, a cadete iniciará a súa actividade ás 12 horas.

O director técnico da selección, Juan Carlos Suárez, explica a Nós Diario que malia que están na convocatoria 14 deportistas por cada equipo, e ese é o número total que se ten que decidir para viaxar até Valladolid, “aínda nos quedan outras dúas convocatorias máis en xuño para ter os equipos definitivos e sempre tes dúas ou tres pezas que clarificas ao final”. Nesta concentración conta con realizar, xunto co resto do corpo técnico, un traballo máis completo por ser a máis extensa de toda a tempada.  

Tecnoloxía para convocar

“Moitas veces pedimos a colaboración dos clubs para que nos manden información de xogadoras e xogadores”, recoñece o adestrador coruñés. Facilita moito o traballo, tamén, o cambio que deu este deporte en relación ás novas tecnoloxías.

“Coa pandemia comezaron a ser habituais as retransmisións por streaming dos partidos, polo que podemos ver neles entre semana e tomar decisións”, indica preparador coruñés. 

Outra das singularidades que aproveitan desde o corpo técnico é que a maior parte adestra en equipos destas categorías, é o caso do propio Suárez que, ademais de levar o equipo cadete feminino, dirixe o xuvenil e o júnior do Emevé.

“Tamén existe un compoñente de ensaio e erro cando pensas que unha xogadora pode entrar na dinámica de grupo e ao final non acontece”, asegura. A maior parte de deportistas pertencen aos clubs Emevé e Korbis mais contan tamén con promesas doutros equipos, mesmo de segunda división.

De cara á competición, Suárez valora o alto nivel galego nos últimos anos, con dúas medallas, un mérito que "teñen os clubs coa canteira".  

Comentarios