Carolina Camino, xogadora do Arenal Emevé: "Practicando volei tamén melloras como persoa"

Non todo o mundo pode dicir que é profeta na súa terra, pero si Carolina Camino (Quiroga, 2003), quen a pesar da súa xuventude xa conta cun campus co seu nome na súa vila. A receptora, unha das mellores da máxima categoría do voleibol estatal, continúa a súa progresión moi preto da casa, no Arenal Emevé de Lugo.
O esforzo e a constancia son as chaves do éxito da de Quiroga. (Foto: Arenal Emevé).
photo_camera O esforzo e a constancia son as chaves do éxito da de Quiroga. (Foto: Arenal Emevé).

Carolina Camino está construíndose unha gran reputación na elite do voleibol estatal e internacional, pero soñaba con alcanzar estas cotas cando a apuntaron sendo só unha cativa de seis anos ás Escolas Deportivas Municipais de Quiroga?

Ao principio xoguei só polo típico: porque o facían as miñas compañeiras e amigas, por facer algo de deporte, porque os meus pais me obrigaban... pero acabou gustándome, fun pondo máis empeño e entusiasmo e subín de categoría até pasar a xogar en provincial co Ribeira Sacra.

O éxito acompañouna desde ben cedo, pois en 2014 foi subcampioa provincial de Lugo, pasando ese mesmo ano, como apuntaba vostede, ao Club Voleibol Ribeira Sacra de Monforte, co que levantaría o Campionato Galego na categoría infantil. Como asimilou eses primeiros logros no volei?

Nun principio pensaba que o meu equipo era bo, pero non sabía se eu chegaría a máis. Era a xente ao meu redor, como o meu adestrador, quen me dicían que eu tiña un potencial que non sabía ver até que me chamaron da Concentración Permanente, que foi cando pensei, "pois igual si que vallo para isto, e gústame, así que vou esforzarme para intentar facelo o mellor que poida e chegar o máis alto posíbel". 

Foi no Nadal de 2017 cando recibe a chamada do combinado Estatal Sub-18, un paso previo á súa inclusión nese programa de tecnificación que a Federación Española de Voleibol desenvolve en Soria, xogando nese curioso equipo da Permanente nas tempadas 2018/19 e 2019/20. Foi moi duro ese momento de facer as maletas e marchar da súa terra?

Foi difícil porque é unha idade moi pequena na que tes que deixar todo atrás, incluídos os teus pais e amigas, para pasar a vivir de forma moi diferente, rodeada todo o ano de compañeiras nunha residencia e adestrando tres horas cada día en lugar de dous días á semana. No meu caso, funme con 14 anos e varias veces sentín que non podía máis, que ese non era o meu sitio, pero mentaliceime, esforceime, e logrei concluír o meu primeiro ano, que foi bastante duro. O segundo xa foi mellor, porque xa sabía como ían as cousas.  

Foi moi complicado compatibilizar o deporte cos estudos?

Foi e é, porque eu sigo estudando. Alí na Permanente levantábame, ía a clase, xantaba, durmía media hora se podía e ás 16 xa estaba adestrando até practicamente as 20. Logo, entre ducha e cena xa daban as 22, e a partir de aí era cando podía estudar. Non lembro as veces que teño quedado até as tres ou as catro da mañá, era bastante complicado. E agora mesmo segue sendo algo duro, porque estou facendo un ciclo formativo que me obriga a ir a clase todos os días pola mañá.

Actualmente xoga no Arenal Emevé, onde despegou definitivo como deportista, vivindo un momento histórico o pasado mes de febreiro coa clasificación, na súa casa, para a final da Copa da Raíña. Contenta por alcanzar unha final por primeira vez na historia do club ou decepcionada por non conseguir gañala?

As dúas cousas. O ano pasado tiñamos o obxectivo, nun principio, de xogar a Copa, nada máis. Cando vimos que gañamos o primeiro partido pensamos que podiamos chegar máis lonxe e esforzámonos a tope, vencendo Kiele e alcanzando a final. E alí, Haris demostrou que é o máis forte que hai, aínda que nós tamén nos rebaixamos algunhas, entre as que me inclúo, a pensar que sería moi difícil gañar, como así foi. Aínda así, tanto xogadoras, como adestradoras, como club, quedamos bastante satisfeitas.

Comentarios