Santi Mina saberá esta sexta feira se ten que ingresar en prisión

O xogador comparecerá por videoconferencia e a porta fechada a partir das 10 horas diante da xustiza.
Santi Mina accede á Audiencia Provincial de Almería acusado dun delito de agresión sexual en marzo de 2022 (Foto: Europa Press).
photo_camera Santi Mina accede á Audiencia Provincial de Almería acusado dun delito de agresión sexual en marzo de 2022 (Foto: Europa Press).

A comparecencia de Santi Mina diante a xustiza andaluza para decidir se ingresa ou non en prisión realizarase hoxe a porta fechada e a través de videoconferencia desde Arabia Saudita.

A Audiencia de Almería condenouno en primeira instancia a catro anos de cárcere por un delito de abuso sexual e a vista realízase a petición da  acusación particular pola posibilidade que existe risco de fuga.

O futbolista atópase en Arabia Saudita, onde xoga no Al Shabab cedido polo Celta, polo que o tribunal accedeu a que compareza mediante videoconferencia desde este país sen necesidade de desprazarse até Almería. A sesión realizarase ás dez da mañá e a mesma non estará aberta ao público e só asistirán o representante do ministerio fiscal e os letrados da acusación e da defensa.

O Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (TSXA) aínda ten pendente resolver a aclaración de sentenza que solicitou o avogado defensor e despois podería presentar recurso. 

Catro anos de cadea por abuso sexual

O futbolista enfrontábase a unha acusación de agresión sexual por parte da Fiscalía e da acusación particular, que finalmente foi confirmada como abuso sexual. Ademais, tamén foi condenado a indemnizar a vítima con 50.000 euros.

No auto da xustiza, o tribunal tamén impón unha orde de arredamento a Santi Mina, que deberá manter unha distancia mínima de 500 metros coa vítima durante 12 anos, e un réxime de liberdade vixiada.

O presidente do Celta, Carlos Mouriño, aseguraba, nunha entrevista na prensa local, non ter previsión de como afectaría  a decisión xudicial na súa cesión ao Al Shabab, aínda que unha posíbel sería iniciar a disolución do seu vínculo legal con Santi Mina.

Comentarios