A Xustiza decide esta semana se Santi Mina ingresa en prisión

O ex xogador do Celta de Vigo foi condenado en primeira instancia a catro anos de prisión por abusar sexualmente dunha muller en 2017.
Santi Mina, a súa saída dos xulgados de Almería. (Foto: Europa Press)
photo_camera Santi Mina, a súa saída dos xulgados de Almería. (Foto: Europa Press)

O ex xogador do Celta de Vigo Santi Mina deberá comparecer esta quinta feira na Audiencia de Almería. O xogador está chamado á vista na que se decidirá se ingresa en prisión provisional para cumprir a pena de catro anos de cárcere á que foi condenado en primeira instancia por abusar sexualmente dunha muller en 2017.

A comparecencia, regulada no artigo 505 da Lei de Axuizamento Criminal, está inicialmente sinalada para as 10 horas, segundo consta na providencia consultada por Europa Press.

Esta vista chega a pedimento da acusación particular, que exixiu ao tribunal da Sección Terceira o seu ingreso no cárcere á espera de que se resolvan os recursos contra a sentenza presentados no Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (TSXA).

A acusación estima que a marcha de Santi Mina a Arabia Saudita para vestir a camiseta do equipo Al Shabab durante esta tempada 2022-2023 supón un "incremento desproporcionado do risco de fuga da xustiza" española.

Condena de 4 anos de prisión

A Audiencia de Almería acordou impor unha pena de catro anos de prisión para o ex futbolista do Celta de Vigo, após condenalo pola comisión dun delito de abuso sexual.

Mina enfrontábase a unha acusación de agresión sexual por parte da Fiscalía e da acusación particular, que finalmente foi confirmada como abuso sexual. Ademais, tamén foi condenado a indemnizar a vítima do abuso cunha indemnización de 50.000 euros.

No auto da Audiencia de Almería, o tribunal tamén impón unha orde de arredamento a Santi Mina, que deberá manter unha distancia mínima de 500 metros coa vítima durante 12 anos, e un réxime de liberdade vixiada.

Durante o xuízo, a letrada defensora argumentou que a noite que ocorreron os feitos, en xuño de 2019, existiu consentimento por parte da vítima do abuso sexual.

Comentarios