Centenario do Celta

Ratković, Revivo, López, Silva, Nolito... Quen se proclama como o mellor interior esquerdo?

As lectoras e lectores de 'Nós Diario' elixen na enquisa de hoxe o interior esquerdo do noso 'XI dos cen anos' do Real Club Celta, partindo dunha pequena escolma que protagonizan Milorad Ratkovic, Haim Revivo, Gustavo López, David Silva e Nolito.

Pequena escolma de interiores esquerdo do Celta.
photo_camera Pequena escolma de interiores esquerdo do Celta.

Seguimos avanzando na conformación do noso 'XI dos cen anos' do Real Club Celta grazas ás lectoras e lectores de Nós Diario. Hoxe é a quenda do interior esquerdo, despois de elixirmos o mellor interior dereito entre grandes nomes da centenaria historia celeste como son Gabriel Lezcano, Juan Fernández, Valery Karpin, Fabián Orellana e Brais Méndez.

Iniciamos hoxe con Milorad Ratkovic. Xogador iogoslavo que se formou como futbolista nas categorías inferiores do Estrela Vermella de Belgrado subindo ao primeiro equipo no ano 1987. Chegou a Vigo en 1994 onde permanecería até 6 temporadas. Despois de deixar o fútbol como xogador axudou o celta como adestrador das categorías inferiores.

Quenda de Haim Revivo. Natural de Israel, xogou catro anos no club olívico sendo un xogador moi destacado todase cada unha das temporadas que alí estivo. Fóra de Vigo logrou éxitos como proclamarse campión da liga turca.

Gustavo López, pola súa parte, é un ex xogador arxentino que tivo unha dilatada carreira profesional no Celta. Chegou en 1999 e estivo en Vigo até o ano 2007. Co equipo galego consagrouse como futbolista de gran nivel en Europa, chegando a ser pretendido por outros clubs máis poderosos.

No caso de David Silva, este é un xogador canario recentemente retirado. Un dos mellores xogadores desta xeración, Silva tivo un romance moi curto pero moi intenso co Celta, Só xogou en Vigo unha temporada pero foi suficiente como para deixar recordos que durarán unha vida no club celeste.

Finalizamos con Nolito, unha das caras máis recoñecíbeis do Celta nos últimos tempos. Andaluz de nacemento, Nolito estivo no club galego en dúas etapas, a primeira de 2013 a 2016 e a segunda de 2020 a 2022. Un xogador que destacou alá onde foi e que deixou unha pegada imborrábel en Vigo.

Comentarios