Rafa Benitez priorizará no Celta a canteira ás fichaxes

Rolda de prensa do coordinador deportivo do Celta, Juan Carlos Calero. Santi Mina, por outro lado, non participa de todo o adestramento na Cidade Deportiva Afouteza.  
Iago Aspas adestrando estes días (Foto: RC Celta).
photo_camera Iago Aspas adestrando estes días (Foto: RC Celta).

O Celta quixo aclarar onte algunhas das cuestións que máis preocupan á afección celeste estes días. Por ese motivo, o seu coordinador deportivo, Juan Carlos Calero, referiuse en rolda de prensa, entre outros temas, á política de fichaxes, á situación de Gabri Veiga e ao caso de Santi Mina. 

“Traballamos sempre con nove nomes por posicións que cumpren distintos perfís, a nivel salarial e deportivo, e logo comezamos os descartes, dando prioridade a algúns nomes”, explicou Calero. Coa chegada de Rafa Benítez, o Celta partiu deses nomes ademais de pór enriba da mesa a posibilidade dalgunhas fichaxes. “Rafa quería coñecer o cadro de xogadores e dar unha oportunidade a todos antes de fichar fóra e estamos nese proceso”, asegurou o responsábel celeste. 

Onte mesmo, Benítez chamou para adestrar co primeiro equipo Javi Domínguez e Hugo Álvarez. Os dous futbolistas do Celta B comezaron a traballar á espera de coñecer se o domingo estarán na convocatoria que o técnico realice para a concentración en Portugal. 

En relación ao futuro de Gabri Veiga, Calero afirmou que “non está en venda, mais mercarano”. O responsábel do Celta lembrou que “agora está de vacacións e volverá o 25 de xullo, igual que Manu Sánchez”. 

Cumprir a lei

En relación ao caso de Santi Mina, Calero sinalou que “somos conscientes da situación e o club foi moi contundente e debe cumprir coa lei”. Con todo,  asegura que “se vén unha opción como o ano pasado, o club vaina atender”. 

O xogador, condenado a catro anos de cárcere por abusar sexualmente dunha muller en 2017, agardaba onte saber a sentenza do Tribunal Superior de Justicia de Andalucía (TSJA) sobre os recursos de apelación presentados pola súa defensa. Durante a xornada, anunciouse que a decisión tardaría unha semana máis.

Desde a súa incorporación á disciplina do club esta quinta feira, Santi Mina asiste aos adestramentos na Cidade Deportiva Afouteza, en Mos, mais non conta da mesma maneira para Rafa Benítez. Onte mesmo, o xogador só tivo 25 minutos de exercicios cos seus compañeiros de equipo para despois ser apartado e observar como continuaban adestrando  sen a súa participación. 

Máis en DEPORTES
Comentarios