Fútbol

A PREVIA | O Rácing despide un ano perfecto inmerso na loita polo ascenso

Esta quinta feira saen á venda as primeiras entradas para o esperado partido de Copa fronte ao Sevilla.
Carlos Vicente, Álvaro Giménez e Iker Losada celebrando o primeiro gol ante o Tenerife o pasado domingo. (Foto: Rácing de Ferrol)
photo_camera Carlos Vicente, Álvaro Giménez e Iker Losada celebrando o primeiro gol ante o Tenerife o pasado domingo. (Foto: Rácing de Ferrol)

Rematar o ano —e a primeira volta da liga— en plena loita polo ascenso directo parecía algo impensábel a comezos de tempada para un Rácing de Ferrol que esta quinta feira (21.30 horas), se gaña en Pucela, podería lograr ese ambicioso obxectivo. O mero feito de ter como rival o Valladolid supón xa "un orgullo" para Cristóbal Parralo, que lembra que os verdes xogaban "até hai moi pouco tempo" contra o seu filial.

Pero os racinguistas, que veñen de fechar un ano perfecto na Malata —365 días sen derrotas—, non queren volver sen os tres puntos, se ben o adestrador insistía esta cuarta feira en rolda de prensa en que o obxectivo primordial segue a ser a permanencia: "A ver se podemos logralo o antes posíbel para empezar a pensar noutra cousa".

Parralo, igual que na visita do Tenerife do pasado domingo (3-1), non poderá contar hoxe cun dos seus piares na medular, o catalán Josep Señé, que padece unha rotura muscular da que non se recuperará até o regreso do paro polo Nadal. Suplirao de novo, previsibelmente, o capitán Álex López. Algo que non preocupa ao técnico: "Un equipo non se conforma só de once xogadores,  necesitamos que todo o mundo compita e poña as cousas difíciles aos que saen de inicio".

A facer historia tamén na Copa

O Rácing non volverá xogar na casa até o 7 de xaneiro, nun partido de Copa moi especial fronte a todo un histórico da Primeira División mais actualmente en horas baixas, o Sevilla. O club pon hoxe á venda as entradas —só dispoñíbeis para persoas sociais até o día 31— sen elevar os prezos, mantendo os que viñan sendo habituais na competición: o máximo serán os 20 euros de Tribuna para adultos; 30, no caso dos non abonados.

"É tentador aproveitar e tratar de facer unha caixa necesaria, porque o diñeiro fainos falta a todos e a realidade é a que é, pero o importante é gozar do día cos nosos", afirmou esta cuarta feira o director xeral da entidade, Carlos Mouriz. Tamén o adestrador quixo lembrar a incansábel afección racinguista, á que felicitou as festas e agradeceu o apoio.

Após o partido fronte ao Valladolid, os de Parralo gozarán dunha semana de descanso para posteriormente reincorporarse aos adestramentos o 29 de decembro, xa coa vista posta no Sevilla e o seguinte rival que visitará A Malata en liga, o Espanyol, o sábado 13 de xaneiro.

Comentarios