PREVIA | O Málaga pode pór o último cravo no ataúde do Lugo

Unha derrota ou mesmo un empate poderían descender matematicamente os albivermellos. Ademais, o Celta visita o Bernabéu na procura dun triunfo que se lle resiste e Dépor e Rácing apuran as súas últimas opcións de rematar como líderes na Primeira RFEF, caso similar ao do Deportivo feminino na Primeira Federación Futfem.
A afección está en pé de guerra pola situación deportiva do equipo, e no foco da crítica está o sempre polémico presidente Tino Saqués. (Foto: Europa Press).
photo_camera A afección está en pé de guerra pola situación deportiva do equipo, e no foco da crítica está o sempre polémico presidente Tino Saqués. (Foto: Europa Press)

A cousa está clara. O Lugo saltará ao terreo de xogo do Ángel Carro mañá ás 14 horas sabendo que se non consegue vencer o Málaga será equipo de Primeira RFEF de imporse o Rácing de Santander na súa casa ao Granada.

O conxunto cántabro marca o limiar da permanencia con 41 puntos, mentres que o galego está afundido no último posto da táboa clasificatoria con 27 cando restan, contando o desta fin de semana, tan só seis partidos por disputarse. A maiores, o Málaga tamén está metido na ecuación, pois é o máis inmediato perseguidor do Rácing con 36 puntos.

Lamentabelmente, nada deste complexo cóctel numérico invita ao optimismo, pois o Lugo non sabe o que é gañar desde o mes de decembro, a diferenza dun Málaga que leva dous triunfos consecutivos.

Por suposto, e como é absolutamente habitual no mundo do fútbol, o preparador da escuadra da cidade da Muralla, Íñigo Vélez, fai chamamentos á tranquilidade e á esperanza a pesar de recoñecer o "fodido" da situación na que están instalados: "O escenario cada vez está máis complexo, pero seguiremos dando o máximo por respecto ao equipo, ao club e á afección".

Máis claro foi un home que leva cinco anos sendo fundamental sobre o terreo de xogo, Manu Barreiro, quen non dubidou en cualificar de "case imposíbel" a salvación, que ten 0,00144% de posibilidades de acontecer, segundo concluímos logo dunha análise estatística nestas mesmas páxinas de Nós Diario.

O Celta visita o Bernabéu

A diferenza de anteriores tempadas, o Celta chega ao tramo final de competición coa salvación practicamente no peto, polo que arriba liberado de presión a un sempre complexo Santiago Bernabéu, onde os celestes non adoitan ofrecer as súas mellores prestacións. Tanto é así que só obtivo seis vitorias en 56 compromisos ligueiros no coliseo branco, a última delas no xa afastado 2006. 

As circunstancias non semellan as máis propicias para rachar coa negativa xeira de resultados, pois o técnico Carlos Carvalhal non poderá contar con pezas tan importante para el como Aidoo, Mingueza, Carles Pérez -todos eles mancados- e o capitán Hugo Mallo, sancionado.  

Isto abre as portas non só a unha titularidade de Kevin Vázquez no carril dereito, senón a unha zaga inédita cun Unai Núñez que terá como acompañante ou ben o canteirán Carlos Domínguez ou o mediocentro peruano Renato Tapia, reconvertido como central.

Último tren ao ascenso directo para Dépor e Rácing

Na Primeira Federación, tanto Deportivo da Coruña como Rácing de Ferrol están obrigados a gañar se non queren despedirse de forma practicamente definitiva das súas aspiración de rematar a liga no primeiro posto e, por tanto, facerse co ascenso directo.

Afortunadamente para o Dépor, xoga na casa, onde só perdeu un partido no que vai de campaña. O encargado de pór a proba a fortaleza branquiazul en Riazor (mañá, 19 horas) será o equipo de moda da competición, o Ceuta, que leva 14 partidos sen perder.

Pola súa parte, o Rácing, terceiro clasificado a dous puntos do Dépor e a seis do líder Alcorcón, desprazarase até Salamanca para enfrontarse co Unionistas (hoxe, 17 horas), un rival complexo que recentemente xa superou tanto o Deportivo como un Celta B que ten, sobre o papel, un cómodo choque co fechacancelas Talavera tamén ás 17 horas de hoxe. De gañar, faríalle un favor ao Pontevedra, penúltimo clasificado, quen debe volver cos tres puntos de San Fernando (mañá, 16 horas).

O feminino branquiazul recibe o Oviedo Moderno 

O soño do liderado do Dépor feminino pasa por vencer mañá en Abegondo (12 horas) o Oviedo Moderno, terceiro pola cola.

Comentarios