Fútbol | 1ª División

A PREVIA | O fechacancelas pon a proba a resiliencia do cuestionado proxecto de Rafa Benítez

O Celta de Vigo recibe o Almería en Balaídos ás 21 horas de hoxe
A pesar do mal momento deportivo do equipo e do horario do encontro, a afección volverá arroupar os seus no coliseo celeste. (Foto: RC CElta).
photo_camera A pesar do mal momento deportivo do equipo e do horario do encontro, a afección volverá arroupar os seus no coliseo celeste. (Foto: RC CElta).

En 2006, un José Mourinho que daba os seus primeiros pasos no multimillonario Chelsea inglés após sorprender a todo o mundo do fútbol conquistando a Champions League co Futebol Clube do Porto dous anos antes respondía negativamente a unha pregunta sobre se sentía sobre os seus ombreiros o peso da presión, engadindo que iso sófreno "as persoas pobres do mundo, que traballan desde o amencer até o solpor para levar comida ás súas familias e alimentar os seus fillos", non a xente do fútbol.

Benítez, que protagonizou co técnico luso unha icónica rivalidade cando dirixía o Liverpool (2004-2010), encara o transcendental choque de hoxe ante o Almería (Balaídos, 21 horas) coa mesma filosofía do seu vello arquinimigo: "Despois de tantos anos estas centrado no que depende de ti, o demais...".

Non obstante, o madrileño é sabedor de que, a pesar de todo, o fútbol, como dicía un dos seus predecesores no banco dos Reds, o lendario Bill Shankly, "non é unha cuestión de vida ou morte, é algo moito máis importante". Diso dá boa mostra a postura da afección, que lle deu as costas a Rafa Benítez ante os malos resultados que está obtendo o veterano preparador co cadro de xogadores máis caro das últimas tempadas, e no ano do centenario celeste, para máis INRI.

Por iso, unha vitoria hoxe resultaría absolutamente balsámica para calmar as revoltas augas olívicas, aínda que unha derrota co fechacandelas da Primeira División podería desbordar o vaso da paciencia dos seareiros e seareiras... e o dun Consello de Administración que está tendo con Benítez un aguante extremo, a pesar de que, estatisticamente, é un dos peores da historia do Celta, pois ningún presenta menor porcentaxe de triunfos nos últimos 80 anos.

O rival leva sen gañar desde maio de 2023

Despois de 'resucitar' a pasada fin de semana o Cádiz deixándose empatar cun tanto no minuto 100 un encontro no que chegou a contar con dous goles de vantaxe, o Celta non pode permitirse cometer o mesmo erro cun Almería que está practicamente desafiuzado.

Os andaluces, últimos clasificados con só nove puntos, non saben o que é sumar de tres en tres na campaña 2023/24. De feito, non gañan desde o 20 de maio de 2023, cando golearon o Mallorca por 3-0. Ademais, só foron quen de imporse nunha única ocasión no coliseo celeste, hai xa case 10 anos, en decembro de 2014, con Berizzo no banco.

Para evitar que se repita o conto, Benítez terá que configurar un once absolutamente condicionado polas baixas seguras de Iago Aspas -sancionado- e os mancados Dotor -que pasará polo quirófano a próxima semana para tratarse da pubalxia que o viña lastrando-, Ristić -que sumou a súa terceira lesión de consideración en catro meses tras romper o bíceps femoral da súa perna esquerda en Cádiz-, e Tapia -mancado na súa coxa dereita-, ademais das cases seguras de Swedberg e Miguel.

Tendo isto en conta, o Celta podería formar en Balaídos con Guaita; Manquillo, Unai Núñez, Carl Starfelt, Manu Sánchez; Jailson, Fran Beltrán, Allende e De la Torre; Larsen e un Douvikas que, por fin, semella que volverá ser titular en Liga.

O madrileño non concibe adestrar o Celta en Segunda

Unha das cuestións máis complexas que tivo que responder o adestrador do Real Club Celta na extensa rolda de prensa que ofreceu na véspera do choque ante o Almería foi se entraría nos seus plans dirixir o conxunto celeste no caso de descender a Segunda División. Benítez contestouna botando balóns fora: "Nin o concibo. Estou convencido de que o Celta vai ficar na Primeira, e se gañamos ao Almería daremos un pasiño cara adiante".

Comentarios