Pontevedra, Ferrol e Dépor comezan a pretempada

Esta semana os equipos galegos da Primeira RFEF comezan os adestramentos. Por diante teñen unha competición e nela hai quen aposta, como no caso do Pontevedra CF, por realizar adestramentos a porta aberta. 
Primeiro adestramento onte do Dépor en Abegondo (Foto: Dépor).
photo_camera Primeiro adestramento onte do Dépor en Abegondo (Foto: Dépor).

O Pontevedra CF iniciou esta segunda feira a pretempada voltando ao traballo en Pasarón. Foi nunha xornada a dobre sesión, mañá e tarde, á que estaba convidada a afección por decisión do propio técnico granate, Antonio Fernández.

Da formación en teoría titular traballaron a un menor ritmo Diego Seoane e Rufo, xogadores que marcaron a traxectoria do curso pasado que rematou co equipo do Lérez subindo de categoría. 

O adestrador confía neste equipo que, polo de agora, só conta no campo coa nova incorporación de  Ángel Bastos. As novas caras chegaron no apartado técnico con Daniel Vilas (novo preparador físico), Sergio Moreira (segundo adestrador), Moncho Martínez (preparador de porteiros) e Borja Ríos (fisioterapeuta). 

Inicio dos adestramentos para o Dépor

O Deportivo, pola súa parte, tamén iniciou onte o traballo co equipo esta pretempada. Serán un total de sete adestramentos na Cidade Deportiva de Abegondo, á marxe do primeiro amigábel do sábado 23 de xullo ás 19.30 horas en Arteixo.

Este choque servirá de inicio á Dépor Xira Integralmotion 2022. As sesións matinais arrincaron ás 10.30 horas e tan só haberá xornada dobre hoxe cun adestramento vespertino ás 19 horas.

O técnico Borja Jiménez conta coa totalidade dos xogadores coa excepción de Álvaro Pérez Campo 'Trilli' que se atopa en Barcelona onde foi intervido cirurxicamente para solucionar as molestias sufridas no nocello a tempada pasada.

Nestes días realiza na capital catalá a fase de rehabilitación inicial post cirúrxica antes de regresar á Coruña para continuar o seu proceso de recuperación en Abegondo, xa baixo a supervisión dos Servizos Médicos do Real Club Deportivo da Coruña

Navia agarda polo amigábel do Ferrol

A localidade de Navia acollerá mañá o primeiro partido da pretempada do Racing de Ferrol. O rival será o Real Ovieu. O equipo galego aínda non completou a súa estrutura deportiva e conta con catro fichas libres. Busca dous laterais, un xogador de medio campo e un dianteiro.

De cara a este primeiro enfrontamento, o Racing terá que adaptar as súas liñas cun equipo forte que rematou a pasada tempada sétimo en Segunda División e podería loitar esta por ascender a Primeira.

Comentarios