O Poio supera o Marín no 'Derbi da Ría' e faise coa Copa Galiza

A escuadra poiense herda o cetro do Burela.
O choque decisivo do torneo disputouse onte e o Poio impúxose na prórroga por 1 a 2. (Foto: RFGF).
photo_camera O choque decisivo do torneo disputouse onte e o Poio impúxose na prórroga por 1 a 2. (Foto: RFGF).

A Copa Galiza Feminina de Fútbol Sala xa está nas vitrinas do Poio Pescamar, que sucede no palmarés o vencedor de 2023, un Pescados Rubén Burela ao que eliminou nas semifinais da presente edición.

O conxunto conserveiro logrou o seu cuarto título nacional no día de onte, nun choque disputado nun Pavillón Príncipe Filipe de Pontevedra que contou con máis de 1.000 espectadores e espectadoras nas bancadas e no que superou o veciño Marín Futsal no coñecido como 'Derbi da Ría' por 1 gol a 2. 

Non obstante, a escuadra derrotada vendeu moi cara a súa pel, deixando ben en claro o que había en xogo desde o mesmo momento en que se escoitou o bucinazo inicial. Ritmo, electricidade, intensidade e un continuo 'toma e daca' entre os dous finalistas demostraron que ambos compartían a determinación de herdar o trono do fútbol sala galego. 

As primeiras en avisar foron as pupilas de Luís López-Tulla, que optou por Elena, Laura Uña, Ale de Paz, Martita e Rocío Gómez como cinco inicial, enviando un duro disparo ao traveseiro e, case inmediatamente despois, cunha oportunidade inmellorábel que detivo Patri Urruti, porteira titular escollida por Ramiro Díaz para o Marín, que completou o quinteto con Débora Lavrador, Carolina Bravo, Carolina Pedreira e a capitá Jéssica Motato, 'Café'. 

O Poio Pescamar apertaba e Marín non estaba cómodo no partido, sen apenas aproximarse á meta defendida por Elena. O conxunto poiense seguía insistindo e axexando a meta local até que Irene García, a falta de sete minutos para o descanso, desatou a tolemia no seu sector das bancadas ao poñer por diante ás súas cun soberbio lanzamento desde fóra da área.

O tanto, absolutamente psicolóxico, fixo dano a un Marín Futsal, que se viu obrigado a remar contracorrente durante a segunda parte da gran final da Copa Galiza. 

Mais, lonxe de virse abaixo por completo, na reanudación as xogadoras marinenses fixeron alarde de garra, dispoñendo ao pouco do arranque dunha boa ocasión nacida nas botas de Débora que salvou, in extremis, a gardameta Elena.

Non obstante, o Pescamar non baixou os brazos, e no minuto 25 de encontro volveu dar mostras do seu perigo nunha acción de Rocío Gómez que rematou no lateral da rede cando a afección xa cantaba o segundo gol.

Coa tensión e a emoción en máximos, Débora Lavrador confirmou ese vello dito de 'quen arrisca, gaña' subindo o empate ao electrónico do Príncipe Filipe cando restaban sete minutos para que soase a bucina que indica o final do tempo regulamentario.

O man a man, executado á perfección, non motivou senón que o Marín atacase aínda con máis forzas, buscando o segundo e definitivo tanto que provocou que deixase uns espazos na defensa dos que a piques estivo de sacar petróleo Rocío Gómez, beneficiándose tamén da inferioridade numérica contraria debido á expulsión de Débora por dobre cartón amarelo.

Así, chegouse con táboas (1-1) ao final, comezando unha prórroga na que o Poio Pescamar fixo boa a súa superioridade numérica, absolutamente determinante no deporte do fútbol sala, para poñerse de novo por diante na finalísima grazas a un tanto, precisamente, de Rocío Gómez, que ben situada no segundo pau perforou a meta do Marín no minuto 41, estabelecendo así o definitivo 2-1 co que concluíu este intenso 'Derbi da Ría'.

Comentarios