Os parapentes volverán sucar o Larouco

A  ameaza eólica non acaba cun dos templos deste deporte na Galiza.
O Larouco é un enclave privilexiado para a práctica do parapente e de actividades de voo libre. (Foto: Club Parapente Baltar).
photo_camera O Larouco é un enclave privilexiado para a práctica do parapente e de actividades de voo libre. (Foto: Club Parapente Baltar).

O deporte galego rachou unha nova barreira, pois por primeira vez na súa historia a Galiza acollerá o Estatal de parapente. A Real Federación Aeronáutica Española (RFAE) determinou que o Club Baltar se encargue da organización dunha proba que se desenvolverá na Serra do Larouco entre os días 14 e 20 de xullo de 2024.

Esta zona está considerada como un templo da disciplina, pois, como explica para Nós Diario o portavoz do Club de Parapente Baltar, Enrique Cuquejo, "xa acolleu probas do máximo nivel, como a Copa do Mundo (2000 e 2012), o Campionato do Mundo (2003), o British Open (2005), a Copa Ibérica (2005, 2006, 2007, 2009 e 2013) ou o Campionato de Europa (2018), mais case sempre pola parte portuguesa".

A causa do seu éxito é que é unha "zoa de voo moi boa", xa que o Larouco presenta "ventos norte, sur...", o que na súa disciplina se considera "unha característica magnífica, pois ofrece alternativas nunha ou noutra dirección, o que aumenta o atractivo dos diferentes campionatos".

"Para nós este é un fito con moito valor, pois por unha parte recoñécese unha vez máis o Larouco como un enclave privilexiado para a práctica do parapente e actividades de voo libre, e pola outra tamén supón unha distinción ao labor do club e á súa capacidade organizativa", indica o voceiro do Club Baltar, que afirma que tanto el como os seus compañeiros e compañeiras seguirán traballando "para converter o Larouco nun espazo de referencia do parapente na Península", algo para o que a concesión do Campionato de España supón "un gran salto cara adiante".

Cuquejo confesa, asemade, que na entidade organizadora recibiron a nova da concesión da proba por parte da RFEA "con moito agrado", xa que era algo que "sempre" aspiraron a conseguir. "É unha oportunidade única", apostila, engadindo que traballaron "moito" en desenvolver un proxecto "o máis atractivo posíbel".

Esta noticia supón, ademais, un novo recoñecemento á importancia deportiva e ambiental dunha zona ameazada desde hai anos pola voracidade dunhas compañías eléctricas que ambicionan instalar unha Liña de Alta Tensión (LAT) que, de concretarse, acabaría coa práctica do parapente ou a ala delta nesa área. 

Comentarios