Iberdrola pon en risco o templo dos deportes aeronáuticos na Galiza

Deportistas denuncian o impacto da LAT no Larouco
A candidata de sumar, Marta Lois, saltará en parapente. (Foto: Club Parapente Baltar).
photo_camera A zona de voo da serra do Larouco "ten unhas características únicas en todo o norte peninsular". (Foto: Club Parapente Baltar)

"Imaxina ir voando e chocar cunha liña eléctrica que ten unhas celosías de 20 metros e tres ou catro fíos de alta tensión... quedarías frito, como lle pasa aos paxaros ou a calquera cousa que quede enredada alí".

Son palabras para Nós Diario de Kike Cuquejo, vicepresidente do Club Parapente Baltar, unha referencia neste deporte aeronáutico, que describe do modo máis gráfico posíbel as consecuencias se Iberdrola consegue sacar adiante o seu proxecto de Liña de Alta Tensión (LAT) que conectará a futura central eólica de San Martiño (Baltar) coa subestación da central do Larouco, en Xinzo.

Pero non só o Club Parapente Baltar deu a voz de alarma sobre esta infraestrutura, pois tamén a Real Federación Aeronáutica Española e as súas homólogas galega e portuguesa alertaron sobre os efectos da construción de novos polígonos eólicos na serra arraiana do Larouco, ao carón do Xurés, e da imposibilidade de continuar coa práctica do parapente ou a ala delta en caso de que Iberdrola consiga levar a cabo o seu plan e acabe por instalar as liñas de alta tensión proxectadas.

Por iso, o Club Parapente Baltar presentará alegacións contra a LAT do Larouco, que se atopa en fase de exposición pública até o día 13 de xaneiro. Nesas súas alegacións a un plan de enorme magnitude -conformado por 11 quilómetros de tendido aéreo con 43 apoios en cotas desde 1.115 metros de altitude a 939 metros que decorre, de oeste a leste, en paralelo á liña da fronteira pola vertente norte do Larouco-, os veciños de Baltar e de Montalegre, na parte portuguesa, reclaman a "retirada definitiva do proxecto pola súa incompatibilidade cos valores ambientais e paisaxísticos presentes na área de afección do proxecto e a falla de licencia social".

Adeus a un escenario de talle internacional

O Larouco é unha área privilexiada para a práctica do parapente polas condicións do vento e a orografía, características "únicas en todo o norte da Península Ibérica", tal e como destaca Kike Cuquejo, que fixeron del un lugar de referencia e escenario de eventos de primeira orde, como a Copa do Mundo (2000 e 2012), o Campionato do Mundo (2003), o British Open (2005), a Copa Ibérica (2005, 2006, 2007, 2009 e 2013) ou o Campionato de Europa (2018).

Porque "montes para montar eólicos hai moitísimos, pero para voar en parapente poden contarse cos dedos dunha man, xa que requiren duns trazos practicamente únicos", engade o vicepresidente do Club Parapente Baltar.

Este expón, ademais, outro problema no plano deportivo se o proxecto de Iberdrola sae adiante: "Actualmente temos unha serie de escolas que operan no Larouco que escolleron esta zona porque está libre de cables e ten unhas parcelas seguras tanto para aterrar como para os despeches, pero a instalación da LAT sería un auténtico desastre para elas, a súa fin. Só hai que pensar no hipotético escenario dunha persoa que voe en solitario por primeira vez e que non conte coa experiencia necesaria para afrontar un imprevisto tan perigoso como topar cuns cables de alta tensión...".

Con todo, desde o Club Parapente Baltar inciden en que "non se trata de negarse ás enerxías renovábeis", senón que "neste caso concreto existe unha clara incompatibilidade que esixe buscar unha serie de alternativas polo ben de todos e todas".

Comentarios