O Pantín Classic de surf regresará ás súas datas habituais en 2023

A proba terá lugar de 26 de agosto a 3 de setembro
A surfista Isabel Gundín, gañou a proba do campionato galego feminino (Foto: Federación Galega de Surf).
photo_camera O Pantín Classic desenvolveuse no mes de xullo o pasado ano 2022 (Foto: Federación Galega de Surf).

A organización do Abanca Pantín Classic Galiza Pro, que neste ano 2023 alcanzará a súa XXXVI edición, anunciou na Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur) que o evento  regresará ás súas datas habituais de final do verán, abandonando así a segunda semana de xullo na que se desenvolveu durante o pasado 2022.

Máis concretamente, a competición terá lugar entre o 26 de agosto e o 3 de setembro de 2023 na Praia de Pantín, en Valdoviño, nunha volta ás orixes que contou na súa presentación madrileña con numerosas representantes da política galega.

Unha delas foi a delegada territorial do Goberno galego en Ferrol, Martina Aneiros, quen salientou que o xeodestino Ferrolterra-Rías Altas "incrementou a súa ocupación en 41% no último ano", unha alza que lle permitiu alcanzar os 150.724 viaxeiros e viaxeiras aloxadas até novembro pasado, cifras nas que tivo un peso máis que destacado o certame surfeiro.

Pola súa parte, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, subliñou que o Pantín Classic é "unha das mellores probas de surf do mundo", apostilando que cada ano é "máis importante, mellor valorada, máis internacional, máis inclusiva, máis igualitaria e máis coñecida".

Valdoviño acollerá un Congreso Mundial de Surf

Cinco meses antes de que teña lugar a nova edición do Pantín Classic, Valdoviño tamén será a sede dun Congreso Mundial de Medicina do Surf. 

Organizado pola Surfing Medicine International, que considera a localidade galega como "o paraíso do surf no suroeste de Europa", a cita -programada do 5 ao 8 de abril- pretende "achegar os últimos achados científicos sobre a saúde dos e das surfistas", afondando "no liderado, a educación e o medio ambiente".

Comentarios