O mellor surf do mundo regresa á Galiza da man do Pantín Classic

A XXXIV edición da proba comezará o 26 de xuño
O hawaiano Coco Ho repetíu título en 2018.(Foto: Pantín Classic).
photo_camera O hawaiano Coco Ho repetíu título en 2018.(Foto: Pantín Classic).

O Abanca Pantín Classic Galiza Pro, un dos eventos deportivos en territorio galego máis agardados, volve a Valdoviño para desenvolver a súa edición número XXXV, que terá inicio o vindeiro sábado, 26 de xuño, e unha duración que se estenderá até o 4 de xullo.

Polo de agora xa son máis de 150 as e os surfistas, en categorías masculina e feminina, que confirmaron a súa asistencia a un evento integrado na programación da Qualifying Series da World Surf League (WSL).

No ano máis especial na historia do surf como deporte, pois en apenas unhas semanas estrearase como modalidade olímpica nos Xogos de Toquio 2021, no Abanca Pantín Classic Galiza Pro poderase seguir as evolucións de cinco homes e mulleres que participarán na proba nipona: Yolanda Hopkins, Pauline Ado, Anat Lelior, Teresa Bonvalot e o alemán Leon Glatzer.

Ademais, tamén chaman a atención nomes históricos do surf que estarán presentes nesta XXXIV edición do certame galego, como son Joan Durú, Aritz Aranburu, Leticia Canales, Maxime Huscenot, Nadia Erostarbe, Maud Le Car, Melania Suárez. e Rachel Presti.

Por outra banda, desde a organización lembran que o prazo de inscrición das surfistas federadas interesadas en participar remata ás 12 horas da mañá desta quinta feira.

Ademais, inciden en que todas aquelas persoas que desexen acceder como espectadoras ao recinto do evento están obrigadas a inscribirse previamente a través dun formulario dispoñíbel na páxina web do Abanca Pantín Classic.

Unha vez completado, recibirán un código QR que deberán presentar na entrada no seu móbil ou en formato impreso, que será utilizado para todos os días de competición, sempre que a capacidade pre establecida non estea xa completa.

Comentarios