O deportivismo di "basta" logo do empate na casa ante o Sestao, penúltimo clasificado

Nova decepción ligueira branquiazul nun choque que rematou con berros de "fóra, fóra!" nas bancadas de Riazor. 
Enésima decepción deportivista en Riazor. (Foto: Sestao River).
photo_camera Enésima decepción deportivista en Riazor. (Foto: Sestao River).

O Deportivo da Coruña demostrou que a imaxe que ofreceu na Copa ante o Tenerife non foi máis que unha ilusión.

De volta na competición da regularidade, e nun choque, sobre o papel, teoricamente accesíbel para conseguir os puntos por disputarse en Riazor e ante o penúltimo clasificado, Imanol Idiakez e os seus homes volveron defraudar após empatar 1-1 co Sestao.

E, esta é a principal noticia, a paciencia da afección esgotouse. Os apupos e a música de vento xa non só se dirixen aos visitantes, senón tamén aos que visten de branquiazul.

Nun partido no que o Sestao non foi quen de disimular todas as carencias que como equipo o teñen sumido no fondo da táboa, o primeiro tiro a porta do Dépor non chegou até o minuto 25, cando Diego Villares non foi quen de aproveitar un centro dun Lucas Pérez absolutamente crepuscular.

Quizais coa emoción de achegarse por vez primeira á área rival, os branquiazuis perderon por completo as marcas e nunha contra o Sestao abriu o marcador da man de Aranzabe.

Os asubíos multiplicáronse a partir de entón, incluso co empate no 34, materializado por Balenziaga a pase do futbolista máis cuestionado, o veterano Salva Sevilla.

E desde ese momento chegou a nada, unha impotencia que tivo o seu máximo expoñente nos cambios de Idiakez, que co equipo máis cuestionado da categoría recorreu a rapaces de 18 anos como Kevin ou Mella para tratar de sacarlle as castañas do lume, algo que, como é natural, non conseguiron.

Comentarios