Melania Rodríguez: "O meu maior éxito foi un sétimo posto, non un ouro"

Conversamos coa campioa do mundo de ximnasia.
Hai dúas semanas subiu ao máis alto do podio en Inglaterra. (Foto: RFEG).
photo_camera Hai dúas semanas subiu ao máis alto do podio en Inglaterra. (Foto: RFEG).

Campioa outra vez... o éxito é algo que a leva acompañando desde que era unha nena, pero, continúa emocionando tanto como o primeiro día?

Si, desde logo. Sempre conseguir un logro é algo xenial, pois estamos adestrando durante anos para seguir logrando estes resultados e poder gozalos así. 

Ese 'primeiro día', a pesar da súa xuventude, queda xa bastante lonxe. Comezou practicando ximnasia rítmica, de onde rapidamente deu o salto á artística nun club de Vigo, e de aí ao Club Ximnasia Pontevedra. Que lembra desa primeira toma de contacto coa disciplina nas súas diferentes modalidades? 

Nada de nada de nada, síntoo (ri). O único que lembro é que gozaba un montón indo ao ximnasio, e iso que vivía en Ponteareas e adestraba en Pontevedra e tiña que facer todos os días unha hora de viaxe, e cando algunha vez non me levaban choraba. 

É vostede unha ximnasta multidisciplinar, que pasa da cama elástica ao dobre mini-tramp desenvolvéndose en ambas á perfección. Como asume mentalmente esa transición?

Non sabería dicir... para min son diferentes aparatos, pero con moitas similitudes. Si que é verdade que se me da moito mellor o dobre mini-tramp, porque é moito máis curto e moito máis explosivo que a cama elástica, que é algo máis lenta e máis progresiva. Aí custoume moito conseguir o nivel que teño agora en cama elástica, tiven que esforzarme e adestrar máis, ao contrario que en dobre mini-tramp, que sempre me foi relativamente doado.

Esa menor ou maior facilidade débese non só a ese adestramento, senón ás súas propias características físicas, especialmente esa explosividade que citaba na anterior pregunta e esa forza que tanto a caracteriza.

Por suposto, é así. Por exemplo, no dobre mini-tramp esas características vanme moi ben, pero en cama elástica o meu maior problema é que son moi rápida, e iso fai que perda a altura de cada elemento, por exemplo. 

Xa mirando ao futuro, agora ten por diante dúas probas da Copa do Mundo en febreiro e marzo de 2024 como últimas opcións para clasificarse para os Xogos Olímpicos. Cantas posibilidades cre que ten de estar en París?

Logo deste último Mundial véxome moi ben. Estou totalmente centrada en adestrar ben para preparar esas dúas competicións da Copas do Mundo e sei que estou moi preto das miñas mellores rivais. 

No recente Mundial de Birmingham tamén logrou clasificarse para os World Games. Que significa esa proba na súa traxectoria?

Estar nos Xogos dos deportes non olímpicos, que serán na China en 2025, significa moito para min, e agardo poder pelexar de novo polas medallas.

Entendo que é como preguntar a quen quere máis, se a mamá ou a papá, pero alén deste ouro mundial anteriormente gañou moitos metais que, quizais por outras circunstancias, poden ser máis importantes para vostede. Cal é a que garda nun lugar máis especial do seu corazón?

O éxito que máis valoro é o Mundial de 2021 cando pasei á final de cama elástica e rematei sétima, que é algo que non coñece ninguén. Porque ao final o dobre mini-tramp non é olímpico, e a cama elástica si que o é. Iso significa que hai moitísima máis participación, moitísimo máis nivel e para min sempre foi moito máis difícil. Entón, estar na final do Mundial, que este ano significaría a clasificación directa para os Xogos, para min foi algo espectacular, tamén polo que significou a nivel de bolsas e axudas, moito máis que calquera medalla en dobre mini-tramp. 

Ximnasta campioa busca patrocinador

Os extraordinarios resultados de Melania Rodríguez permítenlle dedicarse exclusivamente ao deporte, a diferenza do que acontece con moitas outras deportistas de disciplinas non maioritarias.

Bolseira no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, onde reside, bota en falta un maior "apoio", pois ten que pagar co seu peto "o preparador físico, a fisioterapia ou a psicóloga".

Cuestionada por este último punto, desvela que en 2020 estivo "moi a piques" de deixar a ximnasia por falta de "motivación", especialmente no referente ao eido dos adestramentos, pero que comezar a traballar cunha psicóloga permitiulle estar "mellor que nunca".

Con todo, o problema económico permanece, e por iso, a pesar de que até o de agora non conseguiu fechar ningún acordo, fai un chamamento "a quen así o desexe" a promocionarse a través da imaxe desta campioa mundial.

Máis en DEPORTES
Comentarios