O Pavillón Vila de Noia de Carballo reunirá máis de 300 taekwondoin

I Xornada da Liga da Federación Internacional.
Estampa da presentación, onte, con Ferrero no centro da imaxe. (Foto: Concello de Carballo).
photo_camera Estampa da presentación, onte, con Ferrero no centro da imaxe. (Foto: Concello de Carballo).

As competicións oficiais de taekwondo regresan a Carballo despois de varios anos.

Este domingo, 3 de decembro, disputarase no pavillón Vila de Noia a primeira xornada da liga Federación Internacional de Taewkondo (FITE) Galiza, que reunirá case 300 deportistas dos seis clubs do organismo e para a cal a entrada será de balde.

Agustín Trigo, Álex Trigo e Fernando Abelenda, en representación do club Chong, anfitrión e organizador do evento, presentaron esta quinta feira a competición acompañados polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez.

Este eclarou estar "encantado" de que o Concello de Carballo poida colaborar nun certame destas características, "que non só é importante a nivel deportivo, senon que tamén xera importantes sinerxias noutros sectores, pois 300 deportistas e ás súas familias contribuirán a encher de actividade o primeiro domingo de decembro".

Álex Trigo, pola súa parte, puxo en valor o feito de que o taekwondo forme parte da sociedade carballesa desde hai máis de catro décadas: "Hai moita tradición, está arraigado no pobo. O Chong foi o primeiro club de artes marciais da comarca, e hoxe en día hai máis e de numerosas disciplinas, o que é moi importante".

O Chong participará na primeira xornada da liga FITE Galiza cun total de 48 atletas de distintas categorías. Con eles e elas, no pavillón Vila de Noia congregaranse competidores e competidoras de todas as idades, desde crianzas de curta idade até a categoría sénior. 

Finalmente, o alcalde, Evencio Ferrero, salientou que o deporte "é unha das grandes fortalezas de Carballo", e que a posibilidade de poder organizar probas de todo tipo de modalidades deportivas "reforza" o papel do seu "Concello como un "referente deportivo en toda a Galiza".

Comentarios