O Slalom de Moeche está de volta

Afeccionadas e afeccionados ao mundo do motor están de en hora boa. Este ano volve o Slalom de Moeche, unha das probas máis técnicas do circuíto galego, após dous anos sen realizarse. Será o vindeiro 16 de xullo e aínda está aberto o período de inscricións. A organización repite trazado, con algunhas novidades, e agarda unha participación récord. 
Foto de familia da Escudaría Moeche ao remate da última edición do seu Slalom en 2019 (Foto: Escudaría Moeche).
photo_camera Foto de familia da Escudaría Moeche ao remate da última edición do seu Slalom en 2019 (Foto: Escudaría Moeche).

O Slalom de Moeche volve tras dous anos sen realizarse como consecuencia da pandemia da Covid-19. Será o vindeiro 16 de xullo e desde a Escudaría Moeche aseguran que xa teñen todo previsto para que a proba non defraude as afeccionadas e os afeccionados deste deporte.

Aínda está fresca a última edición, a de 2019, na que resultou gañador Daniel Lamas Seijo co seu Citroën Saxo VTS, sobre un trazado moi selectivo que dificultou en parte a carreira na que participaron 40 pilotos. Ese mesmo ano seguíronlle no podio en segundo lugar Manuel Trevín Rego, con BMW Compact, e foi terceiro na clasificación Miguel Lago Criado, con Peugeot 106.

O presidente da escudaría organizadora, Moisés García, explica que podían ter recuperado a actividade xa en 2021 mais respectaron a voz de todo o equipo que decidiu, nesa ocasión, "axudar a outras escudarías que xa se decidiran a realizar a súas probas e nós non queriamos arriscar, hai que ter en conta que na organización temos máis de 80 persoas de todas as idades".

Nesta edición, a sétima, repiten o trazado da última polos bos resultados que deron e sempre "tendo en conta a opinión dos pilotos que para nós é moi importante", sinala García a Nós Diario. En todo caso haberá algúns cambios, que xa dispuxeron con todo detalle na súa páxina web, "ocupando máis o recinto feiral". 

A inscrición para esta proba segue aberta e remata o prazo o 11 de xullo. Na última edición chegaron a ser 40 participantes e o ano de máis éxito chegaron a ter un total de 45. "Polo de agora hai un bo ritmo de inscricións e cremos que superaremos esa cifra e andaremos ben perto dos 50 pilotos para este ano", afirma o responsábel da organización. 

A técnica marca a proba de Slalom

A diferenza doutras competicións relacionadas co mundo do motor, un slalom é unha proba automobilística na que o tempo manda e marca o resultado final. Para gañar a carreira, as e os pilotos deben realizar un percorrido determinado con antelación no menor tempo posíbel e sen cometer erros que poidan penalizar ao final do circuíto.

Demanda moita técnica na condución e facer unha boa xestión da velocidade e a traxectoria nun trazado que pon a proba as características de vehículo e participante. Na edición de 2019 do Slalom de Moeche, por exemplo, dez condutores foron excluídos dos corenta que participaron. 

"Estas probas, aínda que non son propiamente de velocidade, si son técnicas", indica o presidente da Escudaría Moeche, "as exclusións dos comisarios non son por romper un coche, é máis habitual pasar dos obxectos ou facelo ao revés saltándose a normativa", engade.

A exclusión, neste caso, non significa quedar fóra da competición de maneira definitiva, "en realidade non se lle conta a volta", explica García.

Comentarios