Manuel Taibo gaña o Campionato do Mundo de Patinaxe Universitario

Foi o mellor na modalidade de 'Mass Start'.
Taibo (no centro), acompañado por Dyrset e Douma, que o acompañaron no podio. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Taibo (no centro), acompañado por Dyrset e Douma, que o acompañaron no podio. (Foto: Nós Diario).

O éxito dos e das deportistas galegos continúa ampliándose a disciplinas que non están consideradas como as 'convencionais', é un bo exemplo diso foi a gran actuación de Manuel Taibo no Campeonato do Mundo Universitario de Patinaxe de Velocidade que vén de baixar o pano na localidade norueguesa de Hamar, a pouco máis dunha hora da capital, Oslo.

Alí, o oleirense de 19 anos, que estuda informática na Universidade da Coruña (UDC) e está recoñecido como Deportista de Alto Nivel, subiu ao máis alto do caixón na modalidade de Mass Start ('Saída en Masa').

Taibo -quen xa fora campión do mundo júnior nos World Skate Games- rematou a carreira cun tempo de 08.38.30, por diante do patinador noruegués Sigurd Holb Dyrset, medalla de prata cun crono de 08.38.35, e de Max Douma, dos Países Baixos, que completou o podio logo de certificar unha marca de 08.39.10.

Patinaxe de elite en Tui

Sen abandonar a disciplina das catro rodas -ou das tres, segundo proceda-, a Federación Galega de Patinaxe (FGP) confirmou que a próxima edición do Campionato Galego de Grupos Show desenvolverase ao longo da próxima fin de semana, días sábado 2 de marzo e domingo 3, no Pavillón Municipal Gustavo Rodríguez de Tui.

No referente aos horarios, estes comezaran ás 10.30 do sábado cos adestramentos, ficando o inicio da competición oficial para as 18 horas co Grupo Show Pequenos, que dará paso aos Cuartetos Júnior (20), Cuartetos Sénior (20.50) e a entrega de trofeos (21.45).

Xa para o domingo, e tal e como acontecerá o día anterior, a xornada de mañá reservarase para os adestramentos, arrancando a acción competitiva ás 17 horas co Grupo Show Júnior, antesala do Grupo Show Grandes (18.45) e a clausura do certame (20.30).

Comentarios