A patinaxe na Galiza cumpre 140 anos

Do 'skating' de 1880 ao 'Roller derby' da actualidade, as mulleres seguen sobre rodas
Nas súas orixes, a patinaxe foi un deporte practicado exclusivamente polas mulleres da elite. (Foto: Robert Tinker).
photo_camera Nas súas orixes, a patinaxe foi un deporte practicado exclusivamente polas mulleres da elite. (Foto: Robert Tinker).

Resulta imposíbel aventurar unha data exacta, pero os datos dos que dispomos apuntan a que estamos de parabéns, xa que a patinaxe celebra o 140 aniversario da súa introdución na Galiza.

O profesor doutor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Andrés Domínguez Almansa apunta a inicios da década dos 80 do século XIX como data para o comezo da práctica do skating no país, como por aquel entón era coñecida a patinaxe.

A primeira proba documental é un recibo de compra de patíns por parte da sociedade El Gimnasio de Vigo. Non é de estrañar que fose a cidade olívica onde se patinase por vez primeira en territorio galego, pois outros deportes, caso do fútbol como exemplo máis recoñecíbel, xa se adentraran alí pouco antes grazas aos traballadores estranxeiros da Eastern Telegraph Company, empresa británica encargada da instalación do telégrafo.

A pesar de que, tal e como sinala Cristina López Villar na súa obra Pioneiras do deporte en Galicia, nos seus inicios permanece "bastante oculto", o skating logo torna nun deporte "altamente aceptado, especialmente nas cidades".

Así, a finais do século XIX o Novo Club e o Sporting Club da Coruña axiña introducen a patinaxe entre a súa listaxe de deportes "apropiados para mulleres", por ser "entretida e hixiénica", e a súa popularidade entre a clase alta medra até o punto de que se chega a adaptar a praza de touros da cidade herculina para que as mulleres puidesen patinar no seu interior.   

Entre os nomes das pioneiras galegas están Rodríguez Bruzón, Olmos, Losada, Branco Raxoi, Más, Tenreiro, Bermúdez de Castro ou Rodríguez Bruzón, mulleres da alta sociedade que xa no primeiro terzo do século XX crearán por todo o país pistas de patinaxe, mais tamén se lanzaran ás rúas coa idea de "facer da cidade algo máis que unha vila de futbolistas", como testemuña o xornal Ecos de Vigo no ano 1911.

O pico da popularidade deste deporte chegaría durante a época da Segunda República española, mais logo dun importante retroceso durante a represión a súa implantación estendeuse tamén entre as clases populares.

Un deporte para todas as mulleres: a patinaxe pasou das elites a todo o pobo

Se durante as súas primeiras décadas de existencia na Galiza o skating, como era coñecido por aquel entón, estaba practicamente na súa totalidade limitado a mulleres da alta sociedade, a situación actual é diametralmente oposta.

A patinaxe é un deporte que non require máis que unha modesto investimento para poder practicalo, e entre as distintas variedades recoñecidas federativamente están o hóckey, o hóckey en liña, a patinaxe artística, a patinaxe en velocidade, o inline freestyle ou o Roller derby, entre outras.

Esta última disciplina é a que máis está dando que falar nos últimos tempos. Trátase dun deporte de contacto no que dous equipos compiten sobre patíns nunha pista normalmente ovalada para sumar o maior número de puntos posíbeis, que se obteñen cando a anotadora de cada conxunto é quen de superar a liña defensiva do cadro contrario. Ademais, trátase dun deporte "reivindicativo, moi feminista, e que defende os dereitos LGTBQ", como explica para Nós Diario Rosa, xogadora do equipo de Roller derby As Brigantias da Coruña.

Comentarios