Campión mundial júnior de patinaxe artística

Lucas Yáñez: "Non me poño límites, quero ser campión do mundo absoluto"

Cando un pensa en 2004 o primeiro que lle vén á cabeza é "pero se iso foi onte". Mais xa hai galegos nados nese ano que destacan, e de que modo, no mundo do deporte. É o caso do oleirense Lucas Yáñez, que logo de proclamarse campión do mundo Júnior de patinaxe artística xa pensa en ser o mellor  tamén entre os maiores.
O patinador de Oleiros é o actual subcampión europeo (Foto: RFE Patinaxe / Raniero Corbelletti).
photo_camera O patinador de Oleiros é o actual subcampión europeo (Foto: RFE Patinaxe / Raniero Corbelletti).

—Cando e como foi a primeira toma de contacto coa súa disciplina deportiva?

Uf, a verdade é que nin me lembro (ri). Era moi pequeno, o que si recordo é que era moi de patinar e que me vise a xente, gustábame todo o que era este deporte.

—O Mundial Júnior é o último elemento nunha longa lista de éxitos que inclúe o título máximo en practicamente todas as categorías inferiores polas que transitou. Se ben non lembra esa primeira vez que calzou uns patíns, seguro que si ten na memoria ese momento en que se dixo a vostede mesmo "oes, pois son bo nisto...".

Cando sendo un Alevín quedei segundo no Campionato de España e logo en categoría Infantil gañei o meu primeiro Estatal deime conta de que, quizais, neste deporte podía destacar, o que unido a que o meu club me levase sempre polo bo camiño reafirmou ese sentimento positivo que tiven desde o principio e a intención de chegar a un Mundial e intentar gañalo.

—Ese sentimento, entendo, foi acompañado dunha maior implicación en forma de horas de adestramento e dedicación ao deporte. Como logra compatibilizar a preparación de alto nivel, que exixe moitísimas horas, cos seus estudos de Formación Profesional en Actividade Física e do Deporte?

Polas mañás vou ás clases, pero teño a sorte de que son moi abertos co meu deporte e déixanme faltar se preciso máis tempo de adestramento en caso de ter algunha competición importante. Logo, polas tardes, adestro até as 21 horas, e así todos os días, excepto sábados pola tarde e domingos, que descanso.

—Ademais da técnica e a fortaleza física, esa rutina exixe un poder mental que nunca é doado adquirir, e moito menos entre un rapaz da súa idade que ten que manter unha lóxica vida social, familiar... Cal é o seu segredo para manterse enfocado e non distraerse coas cuestións da vida normal dunha persoa de 17 anos?

Eu penso que cando tes unha cousa clara, que é o desexo de gañar algo tan importante como é un Mundial, sabes que sempre haberá tempo para estar cos amigos, así que decides enfocarte no principal. Logo, de ser posíbel, si que fas outras cousas como saír de festa, porque chegará unha idade en que non poidas practicar o deporte, así que é mellor primeiro centrarse nel.

—Con esta resposta adiántame vostede parte dunha pregunta que lle tiña reservada para o final desta entrevista, que é se pensou no futuro logo da retirada e no que pretende conseguir nesta prometedora carreira deportiva, tendo en conta que na súa disciplina é habitual dicir adeus á competición mesmo antes dos 30 anos.

Eu non me poño límites, agardo patinar até que aguante o corpo (ri). Quero gañar un Mundial en categoría sénior e logo xa se verá.

—Ese soño de gañar un Mundial absoluto parece moito máis perto logo do seu triunfo no campionato Júnior. Tanto é así que xa non lle queda nada por facer na súa categoría de idade, mais, pode dar o salto á absoluta en 2022?

Non, o próximo ano teño que competir de novo na categoría Júnior. Os obxectivos son repetir triunfo no Mundial, facerme co Europeo, que este ano non gañei porque cometín uns pequenos erros, e tamén o Estatal.

—Na patinaxe artística eses pequenos erros poden marcar a diferenza, pero, pondo o foco no lado positivo, onde diría vostede que están as súas fortalezas?

Fundamentalmente no salto, xa que teño bastante potencia física. Pero non hai que descoidar os puntos febles, que no meu caso son as piruetas e a expresión, que prima moito e que estou intentando mellorar.

—Esa potencia física que destaca brillou na coreografía que o fixo gañar o Mundial, onde desenvolveu unha baseada no popular filme Os Xogos da Fame. Que o levou a adoptar esa película como fonte de inspiración?

As ideas son cousas da miña adestradora, que as desenvolve pensando nas miñas cualidades. Sempre busca algo forte, que me guste, e esta encantoume. Chamamos a un coreógrafo e parece que a cousa funcionou.

—Ademais do lóxico apoio da súa familia, a súa adestradora, o club... está recibindo algún tipo de patrocinio privado ou de carácter institucional que contribúa ao desenvolvemento dunha carreira tan prometedora como a súa?

O certo é que agora un pouco máis, pero oxalá fose aínda maior, pero este é un deporte un pouco minoritario, aínda que estou contento co que teño.

A súa adestradora, "unha segunda nai"

Nada máis asinar a puntuación que acabaría por proclamalo campión do mundo Júnior, Lucas Yáñez correu abrazar a súa adestradora, Rosa García. O patinador galego desfaise en eloxios cara á súa preparadora, á que considera "unha segunda nai". "Sen ela seguramente sería imposíbel chegar até onde cheguei, representa todo para min", explica o deportista oleirense.

Rosa García fundou na Coruña xa no ano 1994, 10 anos antes de nacer Lucas, o Club de Patinaxe Artístico Maxia, que a día de hoxe é un referente até o punto de ser a escuadra galega que acumula máis títulos. De aí saíron nomes como Nadia Iglesias -subcampioa de Europa Júnior en 2018 e varias veces medalla de ouro estatal- ou Aida Vieites, que destacou até o punto de chegar a estar entre as cinco mellores patinadoras do planeta a mediados da década pasada.

Comentarios