Laura Mira e Ricardo Buba acaban con vitoria as carreiras júniors do Xaxan Cx

O evento da categoría UCI C2 organizado polo XSM tivo unha boa participación galega. As vitorias nas súas carreiras raíñas foron para Lucía González e Felipe Orts, campións estatais da categoría elite.
Ricardo Martín Buba levouse a vitoria na categoría xúnior (Escola Irene Trabazo).
photo_camera Ricardo Martín Buba levouse a vitoria na categoría xúnior (Foto: Escola Irene Trabazo).

O ciclocrós galego despediu a súa fin de semana internacional este domingo no Xaxan Cx con dúas vitorias júniors, a de Laura Mira (Supermercados Froiz) e a de Ricardo Buba (Coruxo). Ambos os dous sobresaíron na actuación galega en Marín nun evento da categoría UCI C2 organizado polo XSM que tivo como gañadores nas súas carreiras raíñas os campións estatais da categoría elite: Lucía González (Nesta) e Felipe Orts (Burgos BH). 

O primeiro representante galego que subiu ao podio na sesión matinal foi Ricardo Buba, que rematara cuarto no circuíto da Illa da Esculturas o día anterior. O gondomarense do Coruxo venceu nun sprint con Carlos Gámez (Llica), que entrou segundo, e Raúl Mira (Teika). Iván Fernández (Vigo-Rías Baixas) ficou sexto a 1:38. 

Algo semellante aconteceu con Laura Mira, que non quedara satisfeita da súa actuación en Pontevedra, onde as avarías deixaron a porriñesa fóra das dez primeiras da súa categoría.

Sen problemas mecánicos en Marín, a do Supermercados Froiz impúxose entre as júniors e ademais ocupou a oitava praza na clasificación absoluta. A 22 segundos da gañadora xuvenil concluíu a súa compañeira de equipo Uxía Soto, décima no global da carreira, asinando un dobrete para a formación alimenticia.

O terceiro chanzo do podio ocupouno en Marín Nicole Castillo (La Torreta). A mellor galega no prato forte do programa feminino foi Carla Fernández (Team Farto-BTC). Segunda Sub-23, por detrás da francesa Olivia Onesti (Star Casino), a viguesa ocupou o sétimo posto na clasificación absoluta que dominou a vixente campioa estatal Lucía González. Gañadora tamén en Pontevedra, a asturiana volveu derrotar Aida Nuño (Río Miera) e terceira concluíu a belga Laura Verdonschot (Pauwels Sauzen). 

Cadetes e másters

A competición cadete feminina tivo tres galegas no máis alto da táboa. María Filgueiras (Río Miera) sumou o seu segundo triunfo da fin de semana e de novo tivo como principal rival a Aroa Otero (Avanza-O Porriño). Laura Patiño (Team Farto-BTC) logrou a terceira praza.

O éxito do ciclocrós galego neste grupo de idade abrangueu tamén os rapaces, con Tomás Pombo (Cambre) como segundo por detrás de Canor Arboleya (Unicaja Gijón). En relación ás carreiras másters, houbo dúas vitorias de ciclistas do país: Marina González (Illas Cíes) adxudicouse a proba das mulleres e Antonio González (Salvaterra) a dos máster-60.

Comentarios