Galiza acode ao Estatal de ciclocrós co obxectivo de superar os 11 metais de 2020

O Campionato de España comeza mañá en Torrelavega
A selección galega agarda seguir mellorando e conquistar máis medallas que en 2019 (8) e 2020 (11). (Foto: FGC).
photo_camera A selección galega agarda seguir mellorando e conquistar máis medallas que en 2019 (8) e 2020 (11). (Foto: FGC).

A selección galega de ciclocrós estréase mañá no Campionato de España da modalidade, que este ano se disputa na localidade cántabra de Torrelavega despois de desenvolver as súas dúas últimas edicións en Pontevedra.

O combinado nacional desprazado a Cantabria está conformado por un potente e numeroso bloque de 34 ciclistas que teñen como obxectivo dar continuidade aos excelentes resultados asinados en anos anteriores, como certifican as once medallas conseguidas en 2020 no circuíto da Illa das Esculturas, que ao mesmo tempo representan un listón moi alto para os homes e mulleres dirixidas polo seleccionador Guillermo Sande.

As condicións serán ben diferentes nesta ocasión, tanto por correr fóra da casa como pola pandemia da Covid-19, que impide a presenza de público e a adaptación da programación ás esixencias sanitarias, engadindo un terceiro día de competición aos dous que viñan sendo habituais. 

Logo de arribar a terras cántabras no día de hoxe, o Campionato de España de Ciclocrós 2021 dará o seu pistoletazo de saída ás 14 horas de mañá, nunha xornada inaugural na que a selección galega xa conta con varias opcións para conseguir apañar metal.

Os primeiros en competir serán os cadetes masculinos, André Martínez e Martín Sestelo (Avanza-O Porriño), Danny Buba (Coruxo), Héctor García (Poio Bike) e Tomás Pombo (Cambre). Unha hora máis tarde, ás 15, chegará a quenda de dúas probas femininas: o sexteto da Galiza na carreira Cadete formarano María Filgueiras (Caimanes Betanzos), Claudia Pérez (Corbelo), Vania Gregores (Ponteareas) e Uxía Soto, Marta Estévez e Aroa Otero (Avanza-O Porriño). Ao mesmo tempo, terá lugar a competición das mulleres Máster, coa selección representada polas Máster-30 Eva Ortega (Biciosos Rías Baixas) e Montserrat Martínez (Oiense), e as Máster-40 Sonia Costoya (Corbelo) e Mónica Alarcón (Louriña).

A programación do primeiro día en Torrelavega, localidade que acolleu este evento por última vez en 2016, fecharana os Júniors, entre eles seis corredores do combinado nacional: Miguel Rodríguez (Ponteareas), Ricardo Buba (Vigo-Rías Baixas), Anxo Carril (Coruxo), Zoe del Río (XSM), Martín González (Maceda) e Fabián Rodríguez (Caimanes Betanzos).

Intensa fin de semana

A xornada do sábado está reservada para os Máster masculinos. Así, Rubén Deaño (Ourense Termal) participará na carreira Máster-30; José Rodríguez 'Tami' (Norinver), na Máster-40); Juan José Saborido (Speedcross), na Máster-50; e Constante Lestido (O Trisquel), na Máster-60. 

Finalmente, o Estatal clausurarase o domingo, nunha xornada que abrirá a Sub-23 masculina, na que o alaricano Iván Feijoo (Nesta) defenderá a súa coroa estatal en compañía de David Fernández (Avanza-O Porriño), Ángel Maneiro (Vigo-Rías Baixas) e Borja Gómez (Ponteareas). 

As seguintes en entrar en escena serán as Elite/Sub-23 e as Júniors, con catro corredoras do combinado galego en liza: a Sub-23 Carla Fernández (Farto) e as Júnior Laura Mira (Avanza-O Porriño), Sofía Álvarez (Cambre) e Sonia Domínguez (XSM). Por último, Saúl López (Maceda) e Daniel López (Cambre) competirán coa camisola da delegación nacional na proba Elite masculina.

Comentarios