Un Noia de Primeira en fútbol sala

A máxima categoría do fútbol sala, a Primeira División, conta cun novo equipo galego: o Noia Portus Apostoli. Os do Barbanza estrearanse este sábado diante do Córdoba Patrimonio após unha pretempada de ilusión e con reforzos de cara a manterse nunha competición difícil e con rivais asentados desde a creación da liga.
Remate espectacular do pívot brasileiro do Noia Portus Apostoli, Bruno Gomes (Foto: Pichero).
photo_camera Remate espectacular do pívot brasileiro do Noia Portus Apostoli, Bruno Gomes (Foto: Pichero).

A Primeira División de fútbol sala estreará esta fin de semana unha nova cara galega. O soño dun equipo modesto, o Noia Portus Apostoli, comezará este sábado co partido que enfrontará os do Barbanza co Córdoba Patrimonio (Palacio Municipal de Deportes Vista Alegre, 19.30 horas). Será a aposta da Galiza nesta categoría após o descenso na anterior do Pescados Rubén de Burela e da mala tempada dos ferroláns do Parrulo FS que se verán as caras na división de prata. 

A conquista histórica que vivirán en primeira persoa en Noia ten como explicación un longo camiño que culminou ao remate da campaña 2021-2022 cando lograron clasificarse cinco xornadas antes do seu remate. 

A liña imparábel cara a esta meta comezou na tempada 2012-2013 cando quedaron campións da Liga no Grupo I de Segunda División B, un logro que repetiron tamén nas de 2015-2016 e 2016-2017, esta última co desexado ascenso a Segunda División. Xa na de 2021-2022 quedaron campións de Segunda División ascendendo a Primeira. Como colofón, este ano tamén levaron a XXX Copa Galiza

Velasco transmite "tranquilidade" e "ilusión" 

Os grandes da categoría visitarán este ano por primeira vez o Pavillón Municipal Agustín Mourís. Equipos como o Movistar Inter, que con catorce títulos ten o récord de triunfos, ou o FC Barcelona, que conta con seis nas súas vitrinas, pasarán por Noia e recibirán nas súas canchas os xogadores que adestra o catalán Marlon Velasco.

Alén destes dúas formacións terán diante outros como o Xaén Paraíso, o Jimbee Cartaxena e o Levante. Aínda así non todos son descoñecidos ao ter coincidido na Copa do Rei ou en Segunda División co Industrias Santa Coloma e Elpozo. 

Velasco asegurou, en declaracións previas á estrea en Córboba, que estaba “tranquilo” diante este primeiro encontro. “Estamos moi orgullosos de estar na máxima categoría, por nós e sobre todo polo club, a afección e a xente de Noia que gozará dela”, sinalou.

Diante dos bos resultados da tempada pasada admitiu que non pensa variar os adestramentos polo feito de estar en Primeira e que “será o mesmo volume de traballo, con intensidades elevadas, e o que cambiará será o nivel do cadro de xogadores que é superior ao da pasada”. 

O Córdoba, un rival a respectar

O adestrador do Noia trasladou todo o seu respecto para co rival de hoxe, o Córdoba. “Son un grande equipo e por iso levan catro tempadas en primeira División”, afirmou lembrando que “realizaron incorporacións moi boas con internacionais que lles elevan o nivel”.

Entre os xogadores tamén hai respecto. Unha das novas incorporacións do Noia, o brasileiro Machado, sinalou antes de viaxar a Andalucía que este primeiro partido "será moi intenso, con moita presión na defensa mais nós faremos o noso propio xogo e iremos a por eles e gañar". Porén, o "segredo" para o xogador na máxima categoría estará na perto da propia portaría. "Hai que ser fortes na defensa, organizar os ataques e competir", sentenciou.  

Reforzos para un dos tres equipos con xogadores máis novos da categoría 

O Noia é o terceiro equipo con xogadores máis novos de Primeira. Só Osasuna Magna (24,5 anos) e Industrias Santa Coloma (24,92 anos) están por baixo dos 25,33 anos de media que presenta o primeiro persoal dos do Barbanza. Os xogadores de máis idade no equipo galego son João Batista (32), Edu Jabá (30) e Rafinha (30).

Precisamente João Batista e Rafinha forman parte do conxunto de novas incorporacións que realizou o Noia para este novo reto. Completan as chegadas Machado, Neguinho, Gozi, Alisson e a do esloveno Nejc Hozjan realizada hai cinco días. A ollada do corpo técnico do club estivo estes meses centrada no Brasil, unha das fontes que máis resultados están a dar na liga estatal. Ademais, a experiencia en Primeira dalgún deles pode asentar esta tempada ao equipo noiés de fútbol sala.

Comentarios