Adeus a César Cobián e Ernesto Falcón, dous históricos do deporte

Fútbol e ciclismo están de loito na Galiza.
Ernesto Falcón Padín (esquerda). (Foto: FGC).
photo_camera Ernesto Falcón Padín (esquerda). (Foto: FGC).

O deporte galego está de loito logo do pasamento de dous nomes senlleiros nas súas respectivas disciplinas: César Cobián e Ernesto Falcón.

O primeiro foi un histórico da medicina e responsábel médico do Real Club Deportivo da Coruña entre 1990 e 2007, a era dourada da escuadra herculina, para posteriormente continuar a súa carreira no mundo do fútbol en diversas formacións da conca mediterránea como Hércules, Elxe, Alcoi ou Castellón.

Vítima dun cancro de pulmón que lle foi detectado hai 13 meses, en novembro de 2020, o doutor Cobían falecía con tan só 64 anos de idade.

Dicía adeus un home que tamén exerceu o seu labor para a Irmandiña de natación, na selección nacional de fútbol de Guinea Ecuatorial ou no OAR Coruña de balonmán. 

As reacción á nova non se fixo esperar, e o Dépor expresou nun comunicado ás súas "condolencias" e o "máis sentido e sincero pésame á familia Cobián", sentimento ao que se uniron outros organismos como a Federación Galega de Fútbol.

O Salnés e as dúas rodas choran a perda de Falcón

Ernesto Falcón, pola súa banda, foi presidente do Club Ciclista Cambados e unha figura de gran relevancia do deporte das dúas rodas na comarca do Salnés, deixando unha pegada indelébel en corredores como Gustavo César Veloso, que manifestou estar "sen palabras".

Ademais de ter liderado a formación da súa vila, Falcón exerceu de vicepresidente da Federación Galega de Ciclismo durante 16 anos, onde tamén ocupou o cargo de tesoureiro. Recentemente estivo centrado na organización do Gran Premio do Albariño e da Ruta do Albariño, carreira que logrou converter nunha referencia para ciclistas júniors e Sub-20. 

Comentarios