O futuro do baloncesto cítase en Compostela e Pontevedra

Reciben os estatais femininos das categorías cadete e infantil, respectivamente.
Iris Díaz, Julio Fernández, Pilar Lueiro e Miguel Martínez. (Foto: Concello de Santiago).
photo_camera Iris Díaz, Julio Fernández, Pilar Lueiro e Miguel Martínez. (Foto: Concello de Santiago).

Santiago de Compostela e Pontevedra acollerán en próximas datas dous torneos que achegarán a Galiza as principais promesas do deporte da canastra a nivel estatal.

Así, até capital do país desprazaranse máis de 600 deportistas pertencentes a 32 equipos co gallo do Campionato de España da categoría cadete na súa modalidade feminina, un evento organizado pola Federación Galega de Baloncesto (FGB) que se desenvolverá entre 0 19 e o 25 de maio en tres recintos diferentes: o Pavillón do Restollal, o Pavillón de Fontiñas e o Pavillón de Santa Isabel, tendo lugar neste último os encontros decisivos.

Entre as escuadras participantes brillarán con luz propia as tres entidades da Galiza que optarán ao título, aínda que non se coñecerá a súa identidade até o 28 de abril, pois serán o campión, o subcampión e o terceiro clasificado da Liga Galega.

Con respecto á súa estrutura, está previsto que se disputen un total de 66 partidos durante os sete días de competición, tal e como se explicou nun acto de presentación que contou coa presenza da concelleira de Deportes, Pilar Lueiro; Julio Bernárdez, presidente da FGB; Miguel Martínez, seleccionador estatal feminino absoluto; e Iris Díaz, árbitra do Grupo terceiro da Federación Española de Baloncesto (FEB).

A edil salientou a transcendencia desta cita para o Concello "non só pola repercusión económica, senón, sobre todo, porque inciden nun aspecto fundamental como é o impulso do deporte de base, sendo un escaparate para as máis e os máis pequenos, transmitíndolles os valores do esforzo, respecto e superación".

Pola súa parte, o Pavillón da Xunqueira e o Pavillón Municipal da Boa Vila serán as dúas sedes do Campionato de España Infantil Feminino de Baloncesto, un certame que atraerá preto de 2.000 persoas entre as xogadoras dos 32 equipos en liza, corpo técnico, familiares, amigos, amigas, seareiros e seareiras chegadas desde todos os currunchos do Estado.

 O alcalde da cidade do Lérez, Miguel Anxo Fernández Lores,   afirmou onte na súa presentación que Pontevedra "fai un esforzo co obxectivo de visibilizar o deporte, e máis en concreto o feminino", apostilando que para el "non se trata dun gasto, senón un investimento na promoción dunha práctica saudábel".

Máis en DEPORTES
Comentarios